Curtis celebra unha fin de semana de música, sabores e comercio local con récord de participación en Teixeiro

O Concello de Curtis viviu esta fin de semana unha das citas máis destacadas do calendario outonal, cun triplo encontro que xa é referencia na comarca: a XIII Ruada de Teixeiro, a Feira do Comercio Local e a XXV Exaltación dos Cogomelos. As actividades, que se desenvolveron entre o 25 e o 26 de outubro, convertéronse nun foco de encontro veciñal, música en directo, promoción do produto local e cultura gastronómica.
A Ruada de Teixeiro celebrouse o sábado pola tarde-noite na Praza do Pobo, onde a partir das 20.00 h se xuntaron numerosos veciños e visitantes. O ambiente festivo prolongouse cunha foliadiña aberta ao público, con pinchos gratuitos, sorteos e incluso un espazo habilitado para pasar a noite, consolidando esta convocatoria como unha das máis queridas polo tecido asociativo curtiense. Xa o domingo, a programación continuou coa actuación do ‘Grupo Folclórico da Ribeira da Mata’ na Praza de España, en Teixeiro, que reuniu público de todas as idades arredor da música tradicional.
En paralelo, a Feira do Comercio Local de Teixeiro mantívose activa durante toda a fin de semana cunha ampla representación de negocios do municipio. Ademais da oferta comercial, a feira apostou pola animación continua: maxia co ilusionista Rufus o Mago, talleres infantís de maquillaxe, música da Charanga TNT e sesión musical do DJ Señor Magick. O domingo tivo lugar un dos momentos máis esperados: o showcooking a cargo de Lolo Mosteiro e Paula Martínez, seguido do concerto das Versionettes, que puxo o punto e final antes do sorteo de 1.000 euros en vales de compra para fomentar as adquisicións no tecido comercial de proximidade.
Xunto a isto, Teixeiro acolleu tamén a XXV Exaltación dos Cogomelos, unha das propostas culinarias máis consolidadas da contorna. A programación incluíu o sábado unha saída micolóxica ao monte organizada pola Asociación Pan de Raposo para a recollida de fungos. Xa o domingo abriuse ao público unha mostra que reuniu especies procedentes de diferentes puntos de Galicia e mesmo doutros países. Durante as dúas xornadas desenvolveuse tamén a Ruta Gastronómica dos Cogomelos, na que numerosos establecementos hostaleiros de Teixeiro e Curtis ofreceron petiscos elaborados con este produto emblemático do outono. Ademais, repartíronse 1.000 euros en premios entre as mellores elaboracións presentadas ao Concurso de Petiscos de Cogomelo.
Dende o Concello salientaron que esta fin de semana supuxo non só un impulso festivo e cultural, senón tamén unha maneira directa de apoiar o comercio e a hostalaría locais, ao atraer xente ás rúas e poñer en valor os sabores e tradicións propias do territorio.