Curtis celebra a próxima licitación da ampliación do IES cun investimento de 1,3 millóns de euros

ACoruñaXa
A Xunta comprométese a iniciar antes de final de ano as obras, que incluirán un novo taller de mecánica e melloras na eficiencia enerxética
CURTIS ies
12 Nov 2025

O Concello de Curtis manifestou a súa satisfacción tras o anuncio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, que confirmou que antes de que remate o ano se licitará a ampliación do Instituto de Ensino Secundario (IES) de Curtis. A actuación contará cun investimento de 1,3 millóns de euros e enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha iniciativa autonómica que ten como obxectivo modernizar e adaptar os centros educativos ás necesidades do ensino do século XXI.

O proxecto contempla a construción dunha nova nave de máis de 362 metros cadrados destinada a talleres de mecánica, así como a mellora da eficiencia enerxética e do confort das instalacións actuais. Estas actuacións permitirán ampliar os espazos de formación profesional e mellorar as condicións de traballo tanto do alumnado como do profesorado.

O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, subliñou que esta obra 'supón un paso adiante moi importante para o noso instituto e para o futuro educativo do noso municipio. A aposta pola formación e pola mellora das instalacións é fundamental para ofrecer máis oportunidades á mocidade de Curtis'.

Dende o Concello agradeceron á Xunta de Galicia a súa colaboración e reiteraron a súa vontade de continuar traballando conxuntamente en proxectos que melloren a calidade educativa e a eficiencia enerxética nos centros locais.

⚙ Configurar cookies
0.073372840881348