Curtis avala novos investimentos en infraestruturas, accesos e servizos educativos nun pleno marcado pola unanimidade en asuntos clave

ACoruñaXa
O Concello dá luz verde á segunda fase do POS+ Adicional, actualiza as taxas do servizo de conciliación e solicita á Xunta a ampliación do CEIP de Teixeiro ante o forte incremento do alumnado
CURTIS pleno dic 25'
13 Dec 2025

O Concello de Curtis celebrou unha sesión plenaria ordinaria na que saíron adiante diversos asuntos considerados estratéxicos para o futuro do municipio, centrados na mellora das infraestruturas viarias, o reforzo dos servizos públicos e a planificación educativa nun contexto de crecemento poboacional. A Corporación aprobou por unanimidade a participación na segunda fase do Plan Provincial de Cooperación da Deputación da Coruña (POS+ Adicional 4/2025), que permitirá rehabilitar o firme da calzada nos tramos Paradela–Muradela, AC231–Gulpilleira e no acceso a Outeiro. O investimento total previsto é de 178.141,45 euros, achegados na súa totalidade pola Deputación, mentres que o Concello certifica a dispoñibilidade dos terreos afectados e comprométese a realizar todos os trámites administrativos necesarios para que as obras poidan executarse sen demoras.

Na mesma sesión aprobouse tamén por unanimidade a modificación da Addenda 1 do convenio asinado entre o Ministerio de Transportes, o Concello de Curtis e SEPES para a construción dun novo acceso dende a estrada N-634 ao polígono industrial Curtis–Teixeiro. Esta modificación supón un reaxuste das anualidades e a prórroga do convenio ata o 12 de abril de 2031, así como unha achega municipal de 40.000 euros no ano 2025 e 20.000 euros en 2026. O pleno autorizou ao alcalde para a sinatura e tramitación da nova addenda, e acordouse remitir o documento ao Ministerio e a SEPES para continuar co avance do proxecto, considerado clave para mellorar a mobilidade e a competitividade empresarial da zona.

Outro dos puntos destacados foi a aprobación definitiva da modificación da Ordenanza de prezos públicos do servizo de conciliación, que saíu adiante con 8 votos a favor do PP e 3 en contra do BNG. O Concello subliñou que se trata dun servizo non obrigatorio pero cun custo moi elevado para as arcas municipais, cun déficit previsto de 83.761,34 euros no exercicio 2024. A actualización das tarifas pretende reducir parcialmente ese desaxuste, aínda que os novos prezos continúan por baixo do custo real do servizo, amparándose en razóns sociais recollidas no artigo 44.2 da Lei de Facendas Locais e mantendo as bonificacións para colectivos desfavorecidos e familias numerosas. Así, durante o período lectivo, o programa de madrugadores con almorzo pasa a ter unha cota mensual de 65 euros e o servizo sen almorzo fixase en 40 euros ao mes, mentres que a modalidade esporádica queda establecida en 5 euros por día con almorzo e 4 euros sen almorzo. A ludoteca terá unha tarifa de 40 euros mensuais e 4 euros por día para o uso esporádico. Fóra do calendario escolar, o campamento de Nadal terá un prezo de 30 euros, o de Semana Santa de 12 euros e o de verán de 30 euros por quincena. As alegacións presentadas foron desestimadas e notificaranse individualmente ás persoas interesadas.

No ámbito educativo, o pleno acordou por unanimidade impulsar a ampliación do CEIP de Teixeiro para dar resposta ao notable incremento do alumnado rexistrado nos últimos anos, pasando de 137 estudantes no ano 2016 a 205 en 2026. O Concello comprométese a poñer á disposición da Consellería de Educación, en xaneiro de 2026, o terreo anexo ao centro destinado a esa ampliación. Ao mesmo tempo, solicitarase á Consellería a redacción dun proxecto técnico que inclúa tamén melloras no illamento térmico do edificio actual, co obxectivo de modernizar as instalacións e mellorar a eficiencia enerxética. O acordo prevé, ademais, instar á Xunta de Galicia a financiar a actuación e traballar coordinadamente coa comunidade educativa na definición dun plan de transición mentres duren as obras, minimizando o impacto na actividade diaria do colexio.

⚙ Configurar cookies
0.078665018081665