Curtis activa unha nova liña entre Teixeiro e Curtis para o estudantado de ensinanzas postobrigatorias e a veciñanza

ACoruñaXa
O Concello asumirá o custo ata final de ano cunha partida de 15.000 euros e axustará os horarios ao calendario dos centros
CURTIS autobus
21 Oct 2025

O Concello de Curtis vén de poñer en marcha unha nova conexión de transporte entre Teixeiro e Curtis co obxectivo de reforzar a mobilidade no municipio. A medida dará resposta ás necesidades do estudantado que cursa ensinanzas non obrigatorias —como Bacharelato e Formación Profesional— e tamén estará aberta a calquera persoa que precise utilizar o servizo.

A programación de horarios deseñarase en coordinación co calendario académico dos centros educativos, co fin de facilitar as entradas e saídas das aulas e optimizar as ligazóns entre ambas as localidades.

Para asegurar a súa viabilidade inmediata, o Pleno municipal aprobou unha dotación específica de 15.000 euros destinada a cubrir os custos do servizo. Deste xeito, o alumnado de ensinanzas postobrigatorias non terá que asumir o pago do transporte ata rematar o ano.

De cara a 2026, o Concello está a traballar coa Dirección Xeral de Mobilidade na sinatura dun convenio SIMU que permita consolidar unha solución estábel e sustentábel para a mobilidade interna dentro do termo municipal.

⚙ Configurar cookies
0.071904897689819