Curtis activa unha campaña informativa para mellorar a reciclaxe no Nadal

ACoruñaXa
Haberá puntos de asesoramento en Teixeiro o 22 de decembro e no Recinto Feiral de Curtis o día 23, en horario de 10.00 a 13.00 horas
CURTIS reciclaxe
20 Dec 2025

O Concello de Curtis porá en marcha esta semana unha acción de sensibilización ambiental co obxectivo de reforzar a correcta separación dos residuos durante o Nadal, un período no que aumenta notablemente o lixo que se xera nos fogares (restos de comida, envases, papel de agasallo, caixas ou botellas).

A iniciativa fará especial fincapé nos biorresiduos, buscando mellorar a súa xestión e reducir o impacto ambiental. Para iso instalaranse puntos informativos nos que se ofrecerán consellos prácticos e orientación á veciñanza.

O luns 22 de decembro o stand situarase na Praza de España e na avenida Doutor Martínez Pardo, en Teixeiro, e o martes 23 trasladarase ao Recinto Feiral de Curtis. En ambos os dous casos o horario será de 10.00 a 13.00 horas.

Durante as xornadas haberá un espazo divulgativo sobre reciclaxe e separación de residuos e realizaranse tamén tarefas informativas a pé de rúa, a cargo de persoal especializado en educación ambiental. Desde o Concello lembran que a implicación cidadá é clave para avanzar cara a un modelo de xestión de residuos máis eficiente e sostible.

⚙ Configurar cookies
0.079507112503052