Curtis acollerá unhas xornadas sobre mulleres migrantes líderes no emprego do fogar e dos coidados

O Centro Etnográfico Río Mandeo, en Teixeiro (Curtis), converterase os días 14 e 15 de novembro nun espazo de reflexión feminista e comunitaria arredor das mulleres migrantes que sosteñen a vida a través do emprego doméstico e dos coidados. A Área de Igualdade da Deputación da Coruña e a Asociación Movilidad Humana impulsan a xornada 'Mulleres lideresas migrantes no emprego do fogar e dos coidados', unha cita que procura recoñecer, visibilizar e dignificar o traballo destas profesionais e avanzar cara a unhas condicións laborais xustas e con dereitos.
O programa combinará mesas de diálogo, relatorios e espazos de coidado. A xornada do venres 14 abrirase pola mañá coa benvida institucional da deputada de Igualdade, María Soledad Agra Tuñas, e da técnica de Movilidad Humana, Guadalupe Hernández, nun acto reivindicativo no que se situará o foco na realidade das empregadas do fogar en Galicia. A continuación, abordarase a evolución dos dereitos no sector da man de Silvia Carrizo (Malen Etxea) e analizaranse o impacto das plataformas dixitais e a precariedade laboral coas achegas da socióloga da UDC Raquel Martínez Buján.
O bloque de media mañá completaráse cunha intervención do avogado de SEDOAC Ismael Sánchez Jiménez sobre experiencias e estratexias colectivas para conquistar dereito ao desemprego, e cun espazo para resolver dúbidas. Antes do xantar, a xurista experta en xénero e dereitos humanos Tania Sordo Ruiz centrará a súa ponencia nas violencias e vulneracións que afrontan as traballadoras do fogar e dos coidados.
Xa pola tarde, retomarase a programación cunha charla sobre mulleres migrantes e xubilación a cargo de Silvia Carrizo, seguida dunha pausa café. A partir de aí, o protagonismo será para a saúde integral: a psicóloga Gabriela Frías falará da saúde mental das traballadoras do fogar e dos coidados, mentres que a terapeuta social Sara Álvarez guiará unha sesión sobre sanación e reparación do corpo. A xornada do venres pechará cunha cea comunitaria e cun obradoiro creativo titulado 'O corpo como manifesto', dinamizado por Dhali Illingworth, directora da Asociación da FIADA.
O sábado 15 prolongará este espazo de encontro e aprendizaxe colectiva, no que se pretende compartir experiencias, identificar retos comúns e construír propostas que permitan transformar o sector desde a acción política e social. A participación é de balde e as inscricións poden realizarse a través da páxina web da Deputación da Coruña, ata completar aforo.