Curtis acollerá o primeiro Centro de Protección Animal de Galicia para concellos pequenos

A Xunta de Galicia situará no municipio de Curtis o primeiro Centro de Protección Animal dirixido a dar servizo a concellos de menos de 5.000 habitantes. Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita á parcela onde se construirá a nova infraestrutura, na zona de reestruturación parcelaria de Fisteus.
Este centro será unha referencia autonómica para a recollida, acollida e coidado de animais de compañía abandonados, extraviados ou sen dono, e busca apoiar o traballo que desenvolven as administracións locais e entidades implicadas na protección animal. “Queremos axudar especialmente aos municipios máis pequenos, que adoitan ter menos recursos para cumprir con estas obrigas”, destacou a conselleira.
O complexo contará cun investimento inicial de 2,07 millóns de euros, cofinanciado con fondos europeos Feder. Estará situado nunha parcela de preto de 24.000 metros cadrados, nun emprazamento estratéxico que permite unha boa conectividade e proximidade aos concellos máis necesitados deste servizo.
As instalacións ocuparán unha superficie construída de 2.300 metros cadrados e terán capacidade para acoller ata 300 cans e 200 gatos. O centro disporá de áreas diferenciadas para corentena, maternidade, illamento de doenzas, hospitalización, atención a animais agresivos ou de mantemento habitual. Ademais, contará cun módulo veterinario completo con consultas específicas para gatos e cans, sala de hixiene, quirófano e sala de radioloxía, así como unha área administrativa.
Con esta actuación, a Xunta dá un paso adiante na mellora da xestión do benestar animal e reforza o seu compromiso coa protección dos animais en situación de vulnerabilidade, especialmente nos territorios rurais.