Curtis acolle por primeira vez o programa Educando na Biosfera

ACoruñaXa
Un programa educativo que ao longo dunha década formou a máis de 18.000 escolares en todo o territorio
curtis-biosfera
21 Mar 2025

O programa Educando na Biosfera chega por primeira vez a Curtis, consolidándose como unha iniciativa clave na educación ambiental e no desenvolvemento sostible. Nacido en 2016 en dous centros escolares de Sada, ao longo dunha década formou a máis de 18.000 escolares en todo o territorio. Este curso, ademais de Curtis, tamén se desenvolverá en Bergondo, Miño, Abegondo e Carral.

Na presentación participaron José Antonio Santiso, presidente da Reserva de Biosfera; Javier Caínzos, alcalde do Concello de Curtis; Iván Maques, edil de Medio Ambiente, Xuventude e Infraestruturas do Concello de Curtis; Diego López, xestor de Mariñas Coruñesas; María Jesús Barral, directora do CEIP de Curtis, e Susana Vázquez, directora do CEIP de Teixeiro.

Un programa educativo con impacto

Educando na Biosfera leva ás aulas expertos e profesionais de diferentes ámbitos relacionados co currículo escolar, como produtores agroalimentarios e empresas certificadas no sector turístico dentro da Marca de Calidade da Reserva de Biosfera, SICTED e SoyEcoturista.

O proxecto evolucionou ata converterse nun modelo educativo transversal, abranguendo moito máis que a educación ambiental. A súa metodoloxía fomenta os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, interconectando a educación con valores fundamentais para a sociedade presente e futura.

Este ano, o programa ofrecerá 26 actividades, estruturadas en seis grandes bloques: Alimentación saudable e produto de proximidade; Arte e patrimonio cultural; Fomento da biodiversidade; Igualdade e ciencias sociais; Natureza e territorio; e Cambio climático. Entre as propostas destacan visitas a explotacións agropecuarias, obradoiros de cómic, impresión 3D e observación de ceos nocturnos.

O presidente da Reserva de Biosfera, José Antonio Santiso, mostrou o seu entusiasmo ao destacar que Educando na Biosfera é un dos programas dos que máis orgullosos e orgullosas estamos e agardamos que poidamos levalo a máis municipios nos vindeiros anos.

O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, agradeceu a Mariñas Coruñesas o seu traballo e destacou que levar a conservación ambiental aos centros escolares é importantísimo, porque son a sociedade do futuro.

Pola súa parte, o edil de Medio Ambiente, Iván Maques, puxo en valor a importancia da educación ambiental afirmando que a formación en diferentes aspectos, o contacto coa natureza e a familiarización coa nosa contorna son piares fundamentais para unha educación de calidade e con bases de futuro.

Desde os centros educativos, María Jesús Barral, directora do CEIP de Curtis, valorou moi positivamente o proxecto por apostar polo respecto ao medio ambiente. Pola súa banda, Susana Vázquez, directora do CEIP de Teixeiro, considerou que a iniciativa é moi interesante e positiva, xa que facilita o coñecemento da comarca.

Con esta primeira edición en Curtis, Educando na Biosfera segue a súa expansión como un referente na educación ambiental en Galicia, fomentando o respecto pola natureza e os valores sostibles entre os máis pequenos.

⚙ Configurar cookies
0.6250319480896