Curtis acolle o Campionato Estatal de Balonmán en Cadeira de Rodas

ACoruñaXa
O obxectivo desta actividade é visibilizar o deporte adaptado, fomentar a empatía, a igualdade e a inclusión
curtis-rodas
30 Jan 2025

Curtis prepárase para vivir unha emocionante fin de semana deportiva coa celebración do Campionato Estatal de Balonmán en Cadeira de Rodas, que terá lugar o sábado 1 de febreiro. Este evento, que reúne aos mellores equipos e deportistas desta disciplina, non só busca fomentar a competición, senón tamén concienciar sobre o deporte adaptado e os seus valores de inclusión, superación e traballo en equipo.

Como parte das actividades previas ao campionato, hoxe levouse a cabo unha xornada de sensibilización no Colexio de Teixeiro, onde 100 nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º curso tiveron a oportunidade de coñecer e experimentar o balonmán en cadeira de rodas. Esta iniciativa foi liderada por Lorenzo Envó, presidente de ICB Coruña, e Montserrat Santiso, tamén membro de ICB Coruña, quen guiaron ao alumnado na práctica do deporte desde a perspectiva dos xogadores con discapacidade. Os menores puideron probar a xogar sentados en cadeiras de rodas, comprendendo así os desafíos e habilidades que require esta disciplina.

O obxectivo desta actividade foi visibilizar o deporte adaptado, fomentar a empatía e transmitir valores como a igualdade e a inclusión. A experiencia repetirase cos alumnos do Colexio de Curtis, quen tamén terán a oportunidade de participar nesta enriquecedora iniciativa.

O gran evento chegará o sábado 1 de febreiro, cando Curtis se converta no epicentro do balonmán en cadeira de rodas a nivel estatal. Espérase a asistencia de numerosos afeccionados e a participación de destacados equipos e deportistas, nunha xornada que promete emoción, competitividade e, sobre todo, unha forte mensaxe de integración e respecto pola diversidade no deporte.

O 31 de xaneiro ás 13.00 horas terá lugar a presentación do Campionato Estatal de Balonmán en Cadeira de Rodas no Recinto Feiral de Curtis, da man do presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, e do presidente de ICB Coruña, Lorenzo Envó, así como coa asistencia do alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos.

Os horarios dos partidos serán: 10.45 horas, o BM Parla vs Inclusport CYL; ás 12.00 horas, o Inclusport CYL vs ICB Coruña; e ás 13.15 horas, o ICB Coruña vs BM Parla.

0.19433689117432