Curtis acolle este sábado, 17 de xaneiro, un partido do Campionato de España de balonmán en cadeira de rodas

O balonmán en cadeira de rodas será protagonista esta fin de semana en Curtis cunha cita deportiva de primeiro nivel. O sábado, ás 11.00 horas, o Polideportivo de Curtis acollerá o encontro entre o ICB Coruña e o Bathco BSR Cantabria, un partido oficial incluído no Campionato de España desta modalidade.
Tras o duelo, a xornada continuará cun segundo encontro, desta volta amigable, en formato de balonmán a 6, pensado para ampliar a participación e manter o ambiente festivo nas bancadas. A organización anuncia tamén actividades paralelas, como xogos con premios e un sorteo, coa intención de converter a mañá nun evento aberto á veciñanza e apto para todos os públicos.
Desde o Concello animan á cidadanía a achegarse ao pavillón para apoiar aos equipos e gozar dun deporte inclusivo que combina competición, esforzo e superación.