‘Cuncas e Oceánicas’ leva a ciencia mariña en feminino a un encontro aberto coa veciñanza na Coruña

ACoruñaXa
O Centro Oceanográfico da Coruña (IEO-CSIC) organiza este venres 20, ás 20.00 h, no Bar Árnica (Rúa de Herrerías) unha sesión de charlas curtas con técnicas e investigadoras, con entrada de balde e petiscos incluídos
A CORUÑA cuncas e oceánicas
20 Feb 2026

A Coruña súmase á celebración do 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, cunha proposta diferente: ‘Cuncas e Oceánicas: Ciencia mariña en feminino’, un encontro no que técnicas e investigadoras do Centro Oceanográfico da Coruña (Instituto Español de Oceanografía do CSIC) compartirán coa veciñanza como é o seu traballo nas ciencias do mar.

A iniciativa celebrarase este venres 20 de febreiro ás 20.00 h no Bar Árnica, na Rúa de Herrerías, e está concibida como unha serie de intervencións breves e divulgativas, nun formato distendido, entre cervexa e cervexa, para achegar a investigación mariña ao público xeral.

Durante a sesión abordaranse cuestións como a pesca sustentable e a contribución científica á súa xestión, a análise do medio mariño e tamén o percorrido profesional das mulleres na carreira científica vinculada ás ciencias do mar. A organización destaca que o obxectivo é explicar de maneira amena que hai detrás dos datos, das campañas e do traballo técnico que permite coñecer mellor o océano e protexer os recursos.

A entrada será de balde ata completar aforo e non se require reserva previa. Ademais, haberá petiscos de cortesía para as persoas asistentes.

⚙ Configurar cookies
0.070256948471069