CultuRúa 2025 trae cine, teatro, música e maxia ao Campo da Feira de Carral

ACoruñaXa
Unha iniciativa municipal que ofrecerá durante o verán unha programación variada e para todos os públicos
carral-salta
14 Jun 2025

O Concello de Carral pon en marcha o programa municipal CultuRúa 2025, que ofrecerá durante o verán unha programación variada e para todos os públicos no Campo da Feira. O programa comezará o venres 20 de xuño coa proxección da película galega Salta!, dirixida por Olga Osorio. Esta comedia de ciencia ficción, rodada na Coruña e recomendada para toda a familia, dará comezo ás 22.30 horas.

Xa o xoves 26 de xuño, ás 18.00 horas, a compañía Pedras de Cartón levará a escena 'Moby Dick', un espectáculo teatral de rúa no que a famosa balea do relato de Herman Melville deambulará polo Campo da Feira xunto cun mariñeiro que vivirá perigosas aventuras.

A música infantil tamén terá o seu espazo coa actuación de Paco Nogueiras, que presentará o seu espectáculo 'C\@nto Contigo', onde repasará algúns dos seus principais éxitos. Será o xoves 24 de xullo, ás 18.00 horas.

Outro espectáculo dirixido a toda a familia será 'Punto en boca: entre fíos anda o lío', unha proposta do Centro Dramático Galego e Raquel Crespo, que mestura música, narración e movemento para contar historias de costureiras. Este espectáculo terá lugar o día 21 de agosto, tamén ás 18.00 horas.

O programa CultuRúa pecharase o 22 de agosto cunha función especial que repasa os 50 anos de traxectoria artística do Mago Antón. 50 (1975 – 2025) combinará algúns dos números máis aplaudidos do Mago Antón con creacións novas que sorprenderán o público. O espectáculo celebrarase no Magomóbil instalado no Campo da Feira, en catro pases que se desenvolverán cada hora a partir das 17.00 horas. Para garantir a organización, as persoas interesadas deberán retirar os convites na Casa da Cultura desde o 20 de xuño en horario de mañá.

Para facer posible esta programación, o Concello de Carral conta coa colaboración da Deputación da Coruña a través da súa Rede Cultural, así como da Xunta de Galicia co Centro Dramático Galego e o programa Cultura no Camiño.

⚙ Configurar cookies
0.10076713562012