Cultura e festa no rural: a parroquia de Cines, exemplo de dinamismo en Oza-Cesuras

Por Amanda Fernández
Nun recuncho do concello de Oza-Cesuras, a parroquia de Cines leva anos vivindo ao ritmo da súa asociación cultural, nacida arredor do 2015 coa vontade de dinamizar a vida veciñal e recuperar o espírito festivo da comunidade. Conversamos con Sergio Rey Prado, integrante da Asociación Cultural de Cines, quen nos achega ao labor constante deste que promove o encontro interxeracional no corazón do rural galego.
Como e cando nace a asociación?
Cremos recordar que foi sobre o 2015 a partir da necesidade de mover a parroquia e asentar un grupo de traballo para os festexos.
Que actividades desenvolve a asociación? O principal eido de actuación é o da cultura?
Realizamos diversas actividades como xantares populares para a parroquia e todos e todas as que se queiran apuntar, con actuacións musicais; as festas das flores; ou a Festa do patrón, san Nicolás de Cines, o 6 de decembro, na que convidamos a callos ás persoas asistentes; e tamén organizamos as festas de agosto. E este ano lanzamos unha nova proposta con actuacións de humor para facer promover ámbitos distintos aos que estamos acostumados pola zona, como pode ser un monólogo. De feito, para agosto imos facer un pregón que contará coa presenza dun imitador.
Cales dirían que son as claves para que esta asociación se manteña no tempo?
O mais importante é o traballo dos integrantes da mesma, destacando ao noso presidente que fai todo o que está na súa man para mellorar o local da asociación . Tamén é principal o apoio dos veciños e veciñas a todas as nosas iniciativas e, sen esquecer, o Concello de Oza-Cesuras que nos vota unha man no que precisamos.
Consideran que a contorna de Oza-Cesuras precisa dunha asociación así?
É necesario manter actividades para a veciñanza e a contorna, xa que o rural, na súa maioría conta con poboación envellecida, polo que hai que facer cousas para que a xente desfrute. Deste modo tamén permite coñecer e non esquecer distintas parroquias que contan cun pobo moi vivo.
Cal é a acollida de Cines ás actividades e festexos propostos pola asociación?
Os veciños, veciñas e a xente do arredor sempre nos apoian asistindo e participando nas actividades que facemos. Veciños, veciñas ,familiares e amizades son un piar para nós.
Podedes compartir algunha anécdota ou momento especial vivido na asociación?
Hai mil anécdotas, algún foguete mal disparado, un servidor que escordou o xeonllo bailando enriba do palco ou unha vez que houbo unha orquestra tan mala que veciñanza e comisión saímos do campo da Festa bailando en fila.
Por que é importante contar cunha asociación como a vosa en Cines?
Como diciamos o principal é que os veciños e veciñas teñan un lugar de festa e reunión, un lugar onde falar, tomar algo e pasalo ben.
Cales son os próximos retos ou citas que tedes por diante?
O 12 de xullo estamos preparando a Clásica Cines con vehículos clásicos chegados de toda Galicia para percorrer o Concello. Xa en agosto, os días 22, 23 e 24 teremos as festas na que non faltará o polbo o venres, orquestras e sesión vermú para todos, está todo o mundo convidado a visitarnos.