Cultura Aberta convoca a VI edición do Concurso Manuel Ferrol de Fotografía con 1.600 euros en premios

ACoruñaXa
O certame, aberto a profesionais e afeccionados, manterá o prazo ata o 28 de decembro, coincidindo co centenario do nacemento do fotógrafo coruñés
CARRAL cultura aberta
28 Sep 2025

O Campo da Feira de Carral foi escenario o pasado venres da entrega de premios da V edición do Concurso Manuel Ferrol de Fotografía e da inauguración da exposición cos traballos gañadores. No mesmo acto, a Asociación Cultural Cultura Aberta anunciou a convocatoria da VI edición dun certame que se consolida como referente estatal e que este ano repartirá 1.600 euros en premios.

A fotografía gañadora recibirá 1.000 euros, mentres que o segundo premio será de 400 e o terceiro de 200. O concurso está aberto a profesionais e persoas afeccionadas de calquera idade, que poderán presentar un máximo de catro imaxes. O prazo de entrega remata o 28 de decembro, coincidindo coa data exacta do nacemento de Manuel Ferrol, figura esencial da fotografía galega e española.

As bases completas están dispoñibles na web da entidade organizadora. As obras poden entregarse na Casa da Cultura de Carral, punto central de recollida, ou ben noutros catro puntos habilitados en A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol e Carballo. O fallo do xurado darase a coñecer o 27 de febreiro de 2026.

Lois Anxo Ferreiro, presidente de Cultura Aberta, destacou que este premio non só mantén viva a memoria de Manuel Ferrol, senón que tamén impulsa a creación artística e ofrece visibilidade a novos talentos da fotografía.

⚙ Configurar cookies
0.089020967483521