Culleredo vibrou cunha xornada de xadrez inesquecible co Mestre Internacional Mariano Ortega

ACoruñaXa
A actividade serviu ademais como aperitivo perfecto para o II Torneo ‘Xadrez Amodiño’
cull-xadrez-mestre
2 Jun 2025

Vila Melania, en Vilaboa, converteuse nun auténtico templo do xadrez grazas á iniciativa do Club Escola Xadrez Culleredo, que organizou unha intensa tarde de actividades abertas a toda a veciñanza. O evento contou cun convidado de excepción: o Mestre Internacional Mariano Ortega Amarelle, tamén recoñecido como FIDE Trainer e adestrador do equipo olímpico de Cabo Verde.

O espazo encheuse de curiosos, afeccionados e xogadores de todas as idades, que puideron gozar dunha programación pensada para divulgar, sorprender e, sobre todo, contaxiar paixón por este deporte mental.

A xornada seguiu con dúas demostracións que deixaron ao público abraiado: unha partida ás cegas na que Ortega xogou sen ver o taboleiro e unha sesión de partidas simultáneas nas que os nenos e nenas asistentes tiveron a oportunidade única de enfrontarse cun mestre de talla internacional.

Desde o Club Escola Xadrez Culleredo valoraron o evento como unha experiencia “marabillosa”, subliñando a calidade humana e profesional do mestre invitado. “Mariano Ortega asombrou e deleitou a propios e estraños cunhas cualidades excepcionais, tanto no ámbito do xogo como na comunicación e proximidade co público. Foi unha auténtica celebración do espírito do xadrez, onde se fixo realidade o lema da FIDE: Gens una sumus (Somos unha familia)”, sinalaron.

A actividade serviu ademais como aperitivo perfecto para o II Torneo ‘Xadrez Amodiño’, que se celebrará os días 7 e 8 de xuño no Centro Social, Cultural e Recreativo de Rutis.

 

⚙ Configurar cookies
0.16154313087463