Culleredo vibra como escenario dun dos tramos máis emocionantes do 29º Rally A Coruña

O Concello de Culleredo foi un dos escenarios protagonistas do 29º Rally A Coruña. O municipio acolleu dous turnos de paso da prestixiosa proba automobilística, reunindo a numerosos afeccionados que non quixeron perderse o espectáculo.
O tramo A Laracha-Culleredo destacou como un dos máis emocionantes da competición, percorrendo diferentes puntos do termo municipal. Entre eles, a rotonda de Boedo, xa convertida nun dos enclaves máis icónicos da tradicional carreira. As imaxes do evento reflicten a espectacularidade do paso dos vehículos por esta zona, consolidándoa como un referente dentro do rally.
Un ano máis, Culleredo reafírmase como un punto clave no circuíto desta competición, cun trazado que combina velocidade e habilidade, ofrecendo unha experiencia única tanto para pilotos como para o público asistente.