Culleredo suma o seu apoio ás mobilizacións da comunidade escolar e esixe á Xunta máis profesorado con urxencia

O Concello de Culleredo fixo público o seu respaldo ás mobilizacións anunciadas pola comunidade educativa e reclamou á Xunta de Galicia que atenda con celeridade as demandas de incremento de profesorado nos centros do municipio. A situación é especialmente grave no CEIP Ría do Burgo, que convoca para o martes 11, ás 8.40 horas, unha concentración diante do colexio ante a falta de respostas da Consellería de Educación.
No Ría do Burgo están matriculados 364 alumnos neste curso. Deles, un 10 % presenta necesidades educativas especiais e, engadindo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, o balance é que un terzo require atención diferenciada. Entre ese alumnado hai 23 menores con diagnóstico de trastorno do espectro autista. A pesar desta realidade, o centro iniciou o curso cunha docente menos de Pedagoxía Terapéutica, o que deixa 8 estudantes con NEE sen apoio específico e obriga a que outro grupo reciba só unha hora semanal. Tamén se denuncia a insuficiencia de profesorado de Audición e Linguaxe para atender correctamente os casos con necesidades comunicativas e lingüísticas.
A dirección e as familias solicitan, ademais, unha mestra máis en Educación Infantil (xa que a xefatura de estudos e a dirección compatibilizan funcións de aula), dous apoios en Primaria nos cursos con máis de 50 alumnos e tres docentes de apoio para cubrir as horas de disposición do profesorado. O departamento de Orientación, segundo a comunidade educativa, atópase saturado.
A primeira tenente de alcaldía e concelleira de Educación, Cristina Pardo, lamenta que, cando se cumpren dous meses de curso, os recursos humanos sigan a ser insuficientes. 'Cada curso hai que esixir medidas que deberían aplicarse de facto para garantir as mellores condicións ao alumnado', afirma, lembrando que xa en 2021 o Ría do Burgo protagonizou unha protesta semellante por falta de profesorado de atención á diversidade.
O problema esténdese a outros colexios. No CEIP Tarrío reducíronse horas en Infantil porque dúas mestras realizan labores de dirección e existe saturación en 4.º de Primaria, onde a ANPA solicitou abrir unha nova liña sen obter resposta positiva. O goberno local engade que á carencia de profesorado se suma a nula inversión autonómica en melloras estruturais nos CEIP de Culleredo, con necesidades como renovación de iluminación, actuacións en fachadas ou eliminación de filtracións. O Concello lembra que hai máis dun ano pediu unha reunión coa Consellería de Educación para abordar estas cuestións e aínda non obtivo contestación.