Culleredo será sede do XXX Festival Internacional de Galicreques

O Concello de Culleredo acollerá a trixésima edición do Festival Internacional de Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde. A programación inclúe tres espectáculos —todos con entrada libre e gratuíta ata completar aforo— que se celebrarán en distintos espazos municipais e van dirixidos ao público en xeral, con especial atención ás crianzas e ás familias.
A programación arrinca este venres, 17 de outubro, ás 19.30 horas no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo coa compañía chilena Títeres Candelilla, que presentará “Kuiyen, soño mapuche”. A peza achega ao público á cultura mapuche a través de Kuiyen, unha moza que prepara o Wiñol Tripantu —a renovación da terra— e que, xunto ao cóndor Manque, terá que enfrontarse a Puelche, o vento que pretende impedir a continuidade das súas tradicións. A duración é aproximada de 45 minutos e recoméndase para nenas e nenos a partir dos 2 anos.
O festival continuará o venres 24 de outubro, tamén ás 19.30 e no mesmo auditorio, coa representación de 'Verán na lavandería', a cargo das compañías coruñesas K’Paparota e Danthea Teatro.
Pecha a programación o venres 31 de outubro, ás 19.00 horas, no Centro Social e Cultural de Celas, coa divertida obra 'Buh! Que medo!', presentada por Teatro Escena dentro das actividades organizadas con motivo do Samaín.