Culleredo revisa o proxecto da senda peonil entre Celas e Castelo para mellorar a seguridade viaria

O Concello de Culleredo está a tramitar a revisión do proxecto da senda peonil que conectará Celas con Castelo, co obxectivo de adaptar a actuación ás necesidades detectadas e actualizar os prezos para a súa inclusión no próximo plan de obras. Trátase dunha intervención “prioritaria” en materia de seguridade viaria, segundo indicou o alcalde, José Ramón Rioboo.
Entre as principais modificacións do proxecto figura a substitución do formigón previsto inicialmente por aglomerado impreso, o que permitirá executar a obra con maior rapidez e menor impacto no día a día da veciñanza destes núcleos.
A nova senda contará cunha lonxitude aproximada de 2,5 quilómetros, partindo do centro de Celas ata desembocar en Folgueira. O trazado incluirá tamén unha conexión co núcleo de Xalo, situado a metade de camiño, onde se prevé unha actuación específica de urbanización, do mesmo xeito que en Celas e Folgueira.
O proxecto foi elaborado tendo en conta as demandas veciñais e contempla unha notable mellora na protección de peóns e ciclistas, mediante a ampliación da plataforma e a creación dun espazo seguro para os desprazamentos non motorizados.
Ademais da senda, renovarase a calzada, asegurarase a estabilidade dos taludes, limparanse os marxes e instalarase nova sinalización. Nos tramos urbanos de Celas, Folgueira e Xalo crearase unha plataforma compartida para garantir a accesibilidade. Tamén se renovará a rede de saneamento nas vías transversais.
O Concello reafirma así o seu compromiso coa mellora das infraestruturas e a mobilidade sostible, respondendo ás necesidades reais da cidadanía e promovendo espazos máis seguros e accesibles para todos.