Culleredo reúne máis de 300 quilos de doazóns no Torneo Solidario de fútbol sala a favor de Cáritas Vilaboa

ACoruñaXa
A polideportiva do Burgo acolleu unha xornada benxamín con seis equipos, na que o Hércules FS se impuxo ao Sporting Cambre na final
CULLEREDO futsal
5 Jan 2026

A polideportiva do Burgo volveu converterse este Nadal nun punto de encontro deportivo e solidario co Torneo Solidario Futsal Culleredo, unha cita que recadou máis de 300 quilos de alimentos non perecedoiros e artigos de hixiene para Cáritas Vilaboa, que os destinará a familias do concello en situación de necesidade.

O evento consolidou a súa fórmula habitual: a entrada non se fixo con diñeiro, senón con produtos de primeira necesidade achegados polo público, polas familias e polos participantes. Dende a organización destacouse a boa resposta de asistencia ao longo de toda a xornada e o carácter comunitario dunha iniciativa que combina deporte base e axuda directa.

No plano competitivo, o torneo reuniu seis equipos de categoría benxamín procedentes de Culleredo, A Coruña, Cambre e Betanzos. O Hércules FS proclamouse campión tras unha final disputada fronte ao Sporting Cambre. O Troula de Betanzos rematou terceiro e o Sporting Burgo, cuarto. Completaron o cadro o Olímpico B e o Olímpico C.

Os promotores do torneo puxeron o acento no bo ambiente nas bancadas e no valor educativo da xornada, marcada polo compañeirismo na pista e pola implicación desinteresada de clubs, nenos e nenas e familias en plenas vacacións.

⚙ Configurar cookies
0.077888965606689