Culleredo retomará en xaneiro o proxecto do centro de investigación para a antiga fábrica de La Cros

ACoruñaXa
O Concello buscará o apoio das administracións e a comunidade científica para unha iniciativa que xerará 200 empregos
Imaxe do proxecto CEMIT La Cros
20 Dec 2024

O Concello de Culleredo reactivou o proxecto para a creación dun centro de investigación nas antigas naves de La Cros, unha iniciativa elaborada pola Fundación CETIM que fora bloqueada este ano no pleno municipal pola oposición. Ante unha nova liña de financiamento da Axencia Galega de Innovación que se abrirá en 2025, o goberno local redobrará esforzos para avanzar nesta proposta clave.

O alcalde, José Ramón Rioboo, impulsará a partir de xaneiro unha rolda de encontros coas administracións públicas, as universidades e a comunidade científica para presentar o proxecto e recadar consenso. Está previsto establecer contactos coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Estado, que previamente xa apoiaran a iniciativa, así como con entidades do ámbito da innovación e a investigación.

A proposta, que será levada novamente ao pleno da corporación, busca a creación dun Centro Tecnolóxico de Excelencia para a Competitividade en Economía Circular. Este proxecto contempla a xeración de 200 postos de traballo e o impulso de tres áreas de coñecemento: materiais avanzados, eco-biotecnoloxías e industria dixital.

Unha vez rehabilitadas as naves, parte das instalacións estarán dispoñibles para actividades socioculturais da cidadanía, incluíndo un auditorio, salas polivalentes e 12.000 metros cadrados de zonas verdes. Rioboo considera que apoiar esta iniciativa é fundamental para converter Culleredo nun referente en economía circular e na atracción de talento de alta cualificación.

0.16867518424988