Culleredo retira do pleno a cesión da Cros ao CETIM ante a falta de apoios

O Concello de Culleredo retirou da orde do día do próximo pleno a cesión das naves da antiga Cros ao CETIM logo de que a comisión informativa de Presidencia emitise un ditame negativo. O executivo local asumiu que o proxecto carecía da maioría necesaria para prosperar.
Segundo fontes municipais, a proposta de concesión demanial incluía algunhas modificacións derivadas das peticións do PP, mais a negativa dos populares na comisión levou ao goberno a dar marcha atrás. 'O PP mantivo unha postura inmobilista, pouco oportuna na procura dun acordo para un proxecto de interese xeral para Culleredo', sosteñen desde o executivo.
Pola súa parte, a voceira popular, Izaskun García, subliña que o convenio deixaba a Culleredo en desvantaxe. 'Defendemos sempre un proxecto de futuro para a Cros, pero non podemos aceptar unha cesión desequilibrada, sen retorno nin garantías. O dixemos antes, repetímolo agora e cumprímolo na comisión', indicou. O PP insistiu nas súas esixencias: entrada do Concello no patronato do CETIM, canon anual para asociacións locais, rehabilitación dunha nave municipal dende o inicio e cesión limitada a 30 anos. O CETIM rexeitou estas condicións, aínda que aceptou reducir de 50 a 30 anos a cesión, cunha posible prórroga, e reservar a nave A para usos públicos de maneira gradual.
O goberno local insiste en que se trata da 'única proposta real en 20 anos para a Cros', con beneficios como a creación de espazos culturais, zonas verdes, salas para asociacións e un aparcadoiro, todo 'a custo cero' para o Concello.
O BNG cualificou a operación de 'ataque directo ao noso patrimonio', denunciando a entrega dun ben público a unha entidade privada. Alternativa tamén se opuxo, argumentando que Culleredo xa conta con polígonos comerciais e industriais para acoller un proxecto destas características.
En paralelo, o pleno do martes si debaterá unha moción en apoio ás reivindicacións veciñais na AC-400 entre Sueiro, Sésamo e Celas. O goberno local respalda a protesta convocada para este sábado, na que xa se recolleron preto de 400 sinaturas que reclaman á Xunta obras urxentes para mellorar a seguridade viaria e peonil.