Culleredo retira as distincións a catro figuras ligadas ao franquismo e cambiará dúas rúas

Culleredo deu un novo paso na aplicación das políticas de memoria histórica coa aprobación plenaria da retirada de honras a catro persoas vinculadas directamente co franquismo. A corporación municipal sacou adiante por unanimidade dúas propostas promovidas polo grupo socialista para suprimir recoñecementos institucionais e modificar nomes do rueiro.
Nun primeiro punto, o pleno acordou deixar sen efecto os nomeamentos como fillos adoptivos concedidos no seu día a Ricardo Catoira Garaboa e Diego Salas Pombo. No caso de Catoira, o recoñecemento fora aprobado o 16 de xuño de 1955, mentres que o de Salas databa do 24 de marzo de 1945.
Segundo expuxo o Concello, a medida responde á vontade de retirar calquera homenaxe pública a figuras identificadas co réxime franquista. A portavoz do goberno local, Marta Figueroa, defendeu durante a sesión que unha institución democrática non debe manter distincións a persoas ligadas á represión e ao aparello da ditadura.
Ricardo Catoira foi unha figura moi próxima a Francisco Franco e desempeñou funcións de máxima confianza ao seu lado desde a Guerra Civil. A súa relación co ditador tamén aparece recollida na sentenza do Pazo de Meirás, na que se lle atribúe un papel relevante na xestión do inmoble. Ademais, participou na entrega da Casa Cornide a Carmen Polo e foi un dos testemuños do testamento de Franco en 1968.
Pola súa parte, Diego Salas ocupou diferentes cargos de relevancia durante o franquismo, como gobernador civil en varias provincias e procurador nas Cortes franquistas. Antes mesmo da Guerra Civil xa figuraba entre os fundadores e responsables provinciais de FE de las JONS. Xa na etapa final da ditadura, foi un dos procuradores que votaron en contra da Lei para a Reforma Política en 1976.
No segundo dos asuntos abordados, o pleno aprobou tamén a modificación do nome de dúas rúas do municipio. A actual rúa Sanjurjo de Carricarte, situada no Burgo, pasará a denominarse José Ferreiro, atendendo á petición formulada pola asociación veciñal O Noso Burgo. O novo nome recoñece o antigo párroco pola súa implicación social e polo apoio prestado ás persoas con máis necesidades.
Tamén desaparecerá do rueiro a rúa Alcalde Narciso Pardo, no núcleo de Liñares. Tras consultar coa veciñanza, o Concello decidiu substituíla polo topónimo local O Souto de Liñares.
Eduardo Sanjurjo de Carricarte participou na Guerra Civil do lado dos sublevados e formou parte de tribunais militares na etapa represiva posterior, redactando sentenzas en procesos contra militantes antifranquistas. Narciso Pardo Veira, pola súa banda, foi un destacado dirixente provincial da organización falanxista vinculada ao control do sector agrario e exerceu como concelleiro e alcalde durante a ditadura.
Desde o Concello encadran estas decisións nunha reparación da memoria colectiva e nunha reafirmación dos valores democráticos fronte ao legado institucional do franquismo.