Culleredo reprocha á Xunta que siga sen financiar o Conservatorio de Música mentres o Concello achega máis de 700.000 euros ao ano

O Concello de Culleredo volveu cargar contra a Xunta de Galicia por non asumir ningunha achega económica ao Conservatorio Municipal de Música, a pesar de ser a administración competente nesta materia. O goberno local sostén que a falta de financiamento autonómico supón que ‘a Xunta lle dá as costas a Culleredo’ mentres o centro mantén a súa actividade grazas ao esforzo municipal.
A denuncia chega despois de coñecerse a resolución do programa de axudas da Deputación da Coruña para o funcionamento de centros de ensino musical. No caso de Culleredo, o Conservatorio recibirá 25.000 euros para 2026, unha colaboración que o executivo municipal contrapón coa ‘nula aportación’ da Xunta. Pola súa banda, o Concello asegura que destina cada ano máis de 700.000 euros para garantir o funcionamento do centro.
O alcalde, José Ramón Rioboo, defende que a aposta polo Conservatorio vai máis alá da formación musical e enmárcase nun proxecto educativo ‘en valores’. Ao mesmo tempo, considera ‘inxustificable’ que a Xunta non apoie o centro cullerdense, especialmente cando noutros municipios a administración autonómica si asumiría o 100% do custo, segundo expón o goberno local.
En paralelo, o Concello traballa na reforma integral das dependencias do Conservatorio. O pleno do pasado 30 de decembro aprobou a partida correspondente dentro dun expediente de crédito con cargo ao remanente, que inicialmente se destinaba só a infraestruturas deportivas e que finalmente se ampliou para incluír outras actuacións, tras unha proposta do BNG.
O goberno municipal lembra tamén que o Conservatorio é gratuíto ao 100% para o alumnado desde o pasado curso, unha medida coa que pretende impulsar unha ‘educación musical de calidade’ no municipio. O centro, creado por iniciativa municipal en 1992, ofrece ensinanzas de grao elemental e profesional e é o único de Galicia que imparte iniciación para nenos e nenas de 6 a 8 anos. Actualmente conta con 11 especialidades: violín, violoncello, piano, guitarra, percusión, saxofón, frauta, clarinete, trompeta, canto e acordeón.