Culleredo repartirá media tonelada de castañas no seu Magosto Municipal o sábado 1 de novembro

ACoruñaXa
O Concello ofrecerá máis de 500 quilos de castañas asadas, música en directo e degustación de produtos tradicionais, no parque recreativo de Celas a partir das 18.00 h
CULLEREDO magosto
Imaxe da edición de 2025
27 Oct 2025

Culleredo celebrará o sábado 1 de novembro a súa Gran Festa do Magosto Municipal, unha das citas populares máis concorridas do municipio. O encontro terá lugar no parque recreativo de Celas e comezará ás 18.00 h.

O Concello, que organiza a xornada coa colaboración da Asociación Recreativa Cultural O Cruceiro, prevé repartir máis de 500 quilos de castañas asadas entre o público asistente. Os parrilleiros estarán durante toda a tarde ao pé do lume, movendo os asadores sen pausa para poder atender a alta demanda.

Ademais das castañas, as persoas que se acheguen ao magosto tamén poderán gozar doutros produtos típicos do outono galego, como o touciño á brasa, o viño novo e a queimada. A festa contará tamén con música en directo. O Grupo Compás será o encargado de poñer ritmo á tarde-noite e crear ambiente festivo.

O Magosto Municipal de Culleredo é unha celebración con moito arraigamento no municipio e está considerado un dos máis multitudinarios da comarca. O Concello agarda de novo unha elevada afluencia de veciñas e veciños para darlle a benvida ao outono arredor do lume e das castañas.

⚙ Configurar cookies
0.078688144683838