Culleredo reforza a inserción laboral coa terceira edición de ‘Culleredo Activo’
O Concello de Culleredo presentou hoxe a terceira edición do programa de formación e emprego ‘Culleredo Activo’, un obradoiro dual dirixido a persoas en situación de desemprego en colaboración co Concello da Coruña. O programa formará durante 9 meses a 20 alumnos e alumnas (14 de Culleredo e 6 da Coruña) en dúas especialidades: revestimentos lixeiros e técnicos en construción, e carpintaría e mobles.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, presentou a iniciativa no Centro Municipal de Formación e Emprego ‘Pablo Picasso’, destacando que o obxectivo é mellorar as competencias dos participantes para facilitar a súa incorporación ao mercado laboral. “É un programa que nas súas edicións anteriores acadou con éxito os seus obxectivos de inserción, ofrecendo novas oportunidades aos nosos veciños e veciñas”, subliñou Rioboo.
Melloras en infraestruturas e impulso ao sector téxtil
O programa inclúe traballos de acondicionamento de dúas aulas e dos aseos exteriores do Centro Municipal de Formación e Emprego ‘Pablo Picasso’, así como a impermeabilización e pintado da fachada da Casa dos Peóns Camiñeiros. Entre as reformas destaca a mellora da aula de costura, que permitirá continuar a formación no sector téxtil, un dos piares económicos da comarca.
A iniciativa conta cun financiamento de 411.928 euros achegados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, destinados a gastos salariais, de funcionamento e incentivos á contratación. Pola súa banda, o Concello de Culleredo aportará 85.419 euros, ademais do persoal técnico e as instalacións necesarias para o desenvolvemento do proxecto.
Un proxecto consolidado
‘Culleredo Activo’ consolida o compromiso do Concello coa formación e a empregabilidade. En palabras do alcalde, “este programa non só mellora as habilidades das persoas desempregadas, senón que lles ofrece unha oportunidade real de emprego, contribuíndo ao desenvolvemento económico e social do noso municipio”.