Culleredo reclama á Xunta un “investimento urxente” nos colexios do municipio
O Concello de Culleredo elevou o seu ton contra a Xunta de Galicia, esixindo unha intervención urxente e integral nos centros educativos públicos do municipio. Con arredor de 3.000 escolares en infantil e primaria, Culleredo ocupa o segundo lugar en alumnado entre os municipios galegos, despois das sete cidades. Porén, os colexios arrastran décadas de deterioro sen reformas estruturais que garantan unhas condicións axeitadas.
A situación afecta a centros como o CEIP Isaac Díaz Pardo, de 32 anos; o CEIP Sofía Casanova, con 43 anos; ou o CEIP Tarrío, que recentemente cumpriu 50 anos. Estes edificios presentan problemas de humidades persistentes, instalacións eléctricas obsoletas, xanelas sen capacidade de illamento e sistemas de calefacción ineficientes. “As actuacións de mantemento do Concello, como a pintura ou pequenas reparacións, non poden paliar fallas estruturais tan graves”, denunciou a concelleira de Educación, Cristina Pardo.
O goberno local lamenta que as demandas presentadas ante a Consellería de Educación, incluíndo unha petición de reunión realizada hai máis de tres meses, non obtiveran resposta. Con todo, técnicos autonómicos visitaron recentemente o CEIP Tarrío para avaliar as necesidades. “É un pequeno paso, pero non é suficiente: as deficiencias afectan a tódolos centros, e o abandono destes edificios compromete a seguridade e o benestar dos nenos”, advertiu Pardo.
O Concello tamén denuncia que as prioridades políticas do PP están a bloquear investimentos no municipio. “É inadmisible que os recursos se concentren en municipios gobernados polo mesmo partido, mentres Culleredo segue abandonado. As escolas non poden ser un campo de batalla política; deben ser unha prioridade para calquera goberno responsable”, sinalou Pardo.
O executivo local subliña que os colexios precisan actualizacións que aborden cuestións enerxéticas, de seguridade e accesibilidade, e que as infraestruturas sexan acordes aos estándares do século XXI. “Non se pode seguir funcionando con edificios que teñen máis de 40 ou 50 anos sen reformas estruturais importantes”, engadiu.
Por último, o Concello reiterou a súa disposición a colaborar coa Xunta para coordinar esforzos e buscar solucións. “Queremos que os centros educativos de Culleredo sexan espazos seguros, modernos e confortables, á altura das necesidades educativas actuais. Non imos cesar nas nosas reivindicacións ata que logremos un compromiso real por parte da administración autonómica”, concluíu a concelleira.