Culleredo reclama á Xunta máis diálogo e escoita sobre o proxecto viario de Ledoño

O Concello de Culleredo expresa a súa “profunda preocupación” polo que considera un “tono desproporcionado e impropio” por parte da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da Xunta de Galicia, tras a resposta desta á proposta municipal relacionada coa supresión da glorieta na AC-523, no tramo próximo ao núcleo de Ledoño.
Desde o Goberno local aclárase que non se pon en dúbida nin o proxecto educativo nin a tramitación urbanística realizada no seu momento, senón que se trasladan con “rigor técnico e responsabilidade institucional” demandas veciñais reais, fundamentadas na preocupación pola mobilidade local, a seguridade peonil e os accesos ás parcelas afectadas pola obra.
“Un Concello non pode nin debe calar cando se detectan problemas sobre o terreo e os veciños realizan peticións lóxicas. Falar agora non é incoherencia, é responsabilidade”, subliñou o alcalde, José Ramón Rioboo.
O executivo municipal considera inxustificada a postura da Xunta, que “se centra máis en desacreditar o papel do Concello que en atender as cuestións técnicas formuladas, desoe as voces do territorio e pretende poñerlle bozo á participación cidadá, ao afirmar que o momento de opinar xa pasou”.
Segundo o Concello, foi a propia AXI quen estableceu como condición para aprobar o Plan Especial do centro educativo a eliminación da glorieta. Por iso, é tamén a administración autonómica quen ten agora a potestade para corrixir esta decisión.
Para o Goberno local, a mobilidade, a seguridade e a accesibilidade “non poden ser asuntos pechados nin definitivos, senón que deben ser revisados e adaptados cando a execución dunha obra mostra impactos non previstos”.
O Concello reitera a súa disposición ao diálogo e propón unha reunión técnica a curto prazo coa Xunta, para traballar “sen confrontacións artificiais” e conxuntamente na defensa do ben común e do benestar da veciñanza.
As propostas municipais, recollidas en base ás achegas dos veciños, pasan por manter a glorieta actual ou substituíla por unha solución funcional equivalente, garantir os accesos a todas as parcelas afectadas, e introducir pasos peonís ou medidas complementarias de seguridade viaria na contorna de Ledoño.
Lembran que estas peticións non implican reabrir o proxecto nin paralizar o centro educativo, senón que buscan introducir “melloras sensatas e compatibles coa obra, para que esta sexa máis segura, integradora e respectuosa co territorio”.
Na súa defensa, o Concello lembra que durante a tramitación do Plan Especial houbo un período de alegacións, pero foi a partir do inicio das obras cando se fixo evidente que a retirada da glorieta empeora a mobilidade da zona. Esta infraestrutura permitía reducir a velocidade dos vehículos e, nalgúns casos, facilitaba cruzar a calzada, unha reivindicación histórica tanto do Concello como da veciñanza, formulada “por activa e por pasiva desde hai máis dunha década”.
“Mesmo o director da AXI afirmou en 2023 que se tomarían medidas, pero a realidade é que a AC-523 segue igual, e aínda empeorará se persiste a intención de suprimir esta glorieta”, conclúe o goberno local.