Culleredo recibe á concelleira palestina Hanan Kaoud nun encontro polo 25N

O Concello de Culleredo acolleu na Casa do Concello un encontro con Hanan Kaoud, concelleira de Ramala e experta en xénero, quen compartiu co público a realidade cotiá de Palestina e o papel das mulleres nun contexto marcado pola ocupación e pola desigualdade. A actividade, integrada na programación municipal do 25N e impulsada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, celebrouse baixo o título 'Visita ao Norte. A voz resiliente das mulleres palestinas'.
A sesión estivo presidida polo alcalde, José Ramón Rioboo, acompañado pola concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa; a responsable de comunicación do Fondo Galego, Carmen Novas; e a tradutora Lara Santos. Tamén asistiron membros do goberno local e representantes das distintas formacións da corporación.
No seu relatorio, Kaoud describiu en primeira persoa as dificultades estruturais que afectan especialmente ás mulleres palestinas e repasou a evolución da situación nos últimos anos. A edila agradeceu ao Concello de Culleredo a oportunidade de achegar o seu testemuño á veciñanza.
Rioboo trasladou o seu recoñecemento á convidada 'pola súa valentía e por traer a Culleredo unha voz que nos axuda a comprender mellor a realidade do pobo palestino', ao tempo que subliñou 'a importancia de dar a coñecer o que está a ocorrer e de contar con gobernos e persoas valentes, como Kaoud, que denuncien esta situación'. O rexedor engadiu que 'o testemuño de Hanan serve para crear conciencia nun Concello comprometido coas políticas de igualdade, a cooperación e os dereitos humanos' e reafirmou que 'Culleredo será sempre un altofalante para a paz, a xustiza e a igualdade entre os pobos'.
En nome do municipio, o alcalde entregoulle a Kaoud unha réplica da Torre de Celas e un libro sobre a historia de Culleredo como mostra de agradecemento. O encontro enmárcase na campaña municipal 'O silencio tamén mata', coa que o Concello procura visibilizar as violencias contra as mulleres e reforzar a conciencia colectiva a favor da igualdade.