Culleredo reafírmase como referente da chave coa Copa da Irmandade 2024-25

Culleredo reafirma o seu papel como referente galego no mundo da chave. A pista xunto á Torre de Celas acolleu o pasado sábado 12 de abril a Copa da Irmandade de Chave 2024-2025, un evento que reuniu a 10 equipos e un total de 70 xogadores nun ambiente marcado pola competición e o compañeirismo.
Organizado polo club AR Irmandade da Chave coa colaboración do Concello de Culleredo, o torneo contou coa participación dos equipos O Xismo, Boedo, Leira, Haciadama, Meixigo, O Temple, Bribes, Sagrada Familia, A Aldea e O Pazo.
A emoción mantívose ata o final, cun empate a 98 chaves entre os equipos O Xismo e A Aldea que obrigou a disputar unha rolda de desempate. Nesta fase decisiva, A Aldea logrou impoñerse por un axustado 10-9, proclamándose campioa da edición.
No plano individual, o título de ‘Máximo Chaveiro’ foi para Jesús Maneiro Fandiño, do Clube de Chave Leira, que acumulou 26 chaves ao longo do torneo, dous máis ca Rafael Uzal Trigo, do Clube O Xismo, que foi o segundo mellor xogador.
O concelleiro de Comercio, Mario Iglesias, estivo presente no evento, que destacou tanto pola alta participación como polo bo ambiente que rodeou a esta celebración do xogo tradicional. A chave, cun profundo arraigo na zona, demostra unha vez máis a súa vitalidade e a súa capacidade para reunir xeracións arredor dunha tradición viva.