Culleredo propón renomear o paseo marítimo da ría de O Burgo en homenaxe a Julio Sacristán

O Concello de Culleredo levará ao Pleno municipal a proposta de renomear o actual paseo marítimo da ría de O Burgo como Paseo Marítimo Alcalde Julio Sacristán, en lembranza de quen foi rexedor durante 34 anos e unha figura clave na evolución urbana, social e económica do municipio.
O Goberno local aposta por esta iniciativa como un xeito de recoñecer o legado dun alcalde que foi protagonista da transformación de Culleredo e un impulsor decisivo da creación do propio paseo marítimo, hoxe un dos espazos máis representativos e queridos pola veciñanza.
O actual alcalde, José Ramón Rioboo, subliñou que “esta iniciativa nace do respecto e do cariño dun pobo que non esquece o compromiso incansable de Julio Sacristán con Culleredo”, e engadiu que “ninguén mellor ca el representa o espírito aberto, integrador e de futuro que ofrece o paseo”.
O Concello quere que a proposta sexa avalada por consenso no Pleno previsto para setembro, en sintonía co espírito de diálogo que sempre defendeu Julio Sacristán na súa concepción da política municipal. A decisión tamén busca dar resposta ao sentir popular que, nos últimos días, reclamou un espazo no rueiro local para manter viva a súa memoria.
Culleredo xa homenaxeou no pasado a outro exalcalde, Domingo Sierra, co nomeamento dunha rúa en Vilaboa. Agora, con este novo xesto institucional, pretende recoñecer a traxectoria dun alcalde que dedicou boa parte da súa vida a facer de Culleredo un lugar mellor para vivir.