Culleredo programa este venres unha proposta escénica para a primeira infancia con Caramuxo Teatro

ACoruñaXa
A obra 'Catro', recomendada para menores de 6 meses a 4 anos, representarase ás 18.30 horas no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples con entrada libre
CULLEREDO teatro nenos
11 Dec 2025

O Concello de Culleredo ofrecerá este venres, 12 de decembro, unha proposta escénica dirixida ao público máis pequeno coa representación de Catro, de Caramuxo Teatro. A función terá lugar ás 18.30 horas no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo e contará con acceso libre ata completar aforo.

A peza está recomendada para nenas e nenos de entre 6 meses e 4 anos. Trátase dunha obra que combina teatro e danza e que se integra nunha triloxía dedicada ás formas, iniciada coa montaxe Redondo.

Catro preséntase como un espectáculo visual e sensorial que experimenta coa vida, coas formas, cos sons, coas texturas e co movemento. A proposta invita a un percorrido poético e lúdico arredor do número catro: os catro lados dun cadrado, as catro estrelas que se poden ver desde unha habitación ou os catro recunchos dun lugar especial.

A partir destas imaxes, a obra promove a curiosidade e o descubrimento, ofrecendo unha experiencia familiar onde a danza actúa como linguaxe principal e ferramenta de aprendizaxe. A dramaturxia e a dirección corren a cargo de Juan Rodríguez e Laura Sarasola, quen tamén forma parte do elenco.

⚙ Configurar cookies
0.090602874755859