Culleredo presenta o 'Informe Migradas' sobre reparación das violencias machistas contra mulleres migrantes

O Concello de Culleredo acolleu este luns, na Sala Municipal Celia e Esperanza Brañas, a presentación do 'Informe Migradas: Reparación das violencias de xénero', elaborado pola ONG Movemento pola Paz. A actividade insírese na programación municipal con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Ao longo do encontro déronse a coñecer as principais conclusións deste proxecto, centrado no dereito á reparación das mulleres migrantes vítimas e superviventes de violencias machistas. A exposición correu a cargo de Susana Fernández, delegada de Movemento pola Paz en Galicia, e de Noemí Pedrós, traballadora social responsable do estudo, que desenvolveu a investigación a partir do seu traballo directo con grupos de mulleres en distintos concellos galegos.
O informe recolle percepcións, experiencias e necesidades das participantes, tanto en Galicia como noutras comunidades autónomas. Ademais, formula propostas e exemplos de boas prácticas dirixidas a mellorar a atención institucional e os procesos de reparación fronte ás violencias de xénero que padecen as mulleres migradas.
A sesión, concibida como un espazo de análise e intercambio, permitiu que profesionais e técnicas municipais da área social puidesen compartir experiencias, detectar necesidades e debater sobre posibles melloras na resposta institucional fronte ás violencias machistas, prestando unha atención especial ás realidades e vulnerabilidades específicas que viven as mulleres migrantes.
O proxecto está financiado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, a través de fondos europeos, e cofinanciado pola Unión Europea.