Culleredo presenta a súa campaña polo 25N baixo o lema ‘O silencio tamén mata’

ACoruñaXa
O Concello programa durante novembro múltiples actividades de sensibilización, con teatro, charlas e encontros, e contará coa presenza dunha concelleira de Ramala, en Palestina, experta en xénero
CULLEREDO programación 25n
6 Nov 2025

O Concello de Culleredo vén de presentar a súa campaña de sensibilización con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, baixo o lema ‘O silencio tamén mata’. A iniciativa busca promover a reflexión e o compromiso social fronte ás violencias machistas, a través dun amplo programa de actividades culturais e formativas que se estenderán durante todo o mes.

A concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, explicou que a mensaxe escollida pretende combater o negacionismo e lembrar que ‘non podemos calar ante unha violencia que segue cobrando a vida de moitas mulleres’. O programa inclúe accións para todas as idades, co obxectivo de chegar a toda a poboación.

As actividades comezarán o venres 7 de novembro coa representación teatral ‘Punto en boca’, a cargo de Raquel G. Crespo, dentro do ciclo Elas son artistas. A función terá lugar ás 20.30 horas no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, con entrada gratuíta previa reserva.

O martes 11, Culleredo acollerá o encontro ‘Visita ao Norte. A voz resiliente das mulleres palestinas’, coa participación de Hanan Kaoud, concelleira de Ramala e experta en xénero, nun acto organizado co Fondo Galego de Cooperación. Celebrarase ás 12.00 horas na Casa do Concello.

A mocidade tamén terá o seu espazo cunha acción formativa impartida pola Garda Civil e o Concello nos días 12 e 17 de novembro no IES Rego de Trabe. Ademais, o 17 presentarase o informe ‘Migradas: reparación das violencias de xénero’, do Movemento pola Paz, ás 10.00 horas na sala municipal Celia e Esperanza Brañas Fernández. Ese mesmo día, ás 19.00 horas, representarase o espectáculo ‘Cruza sen mirar’, da compañía Tarabela Creativa.

O venres 21, o humor será protagonista co monólogo ‘Eran elas!’, interpretado por Avelino González, ás 20.30 horas tamén en O Burgo. Xa o 25 de novembro, o alumnado do Centro Residencial Docente participará nunha charla sobre o consentimento impartida polo equipo SexPoint de CASCO da Coruña, e o día 26 ofrecerase o espectáculo familiar ‘Rosa e Azul’, da compañía Pérez&Fernández, ás 17.30 horas na Biblioteca Municipal Miguel González Garcés.

Durante o mes, o Concello difundirá o manifesto contra as violencias machistas nas actividades deportivas municipais e desenvolverá unha campaña audiovisual nas redes de Xuventude Culleredo, centrada en temas como os micromachismos e as relacións tóxicas. Ademais, Radio Culleredo emitirá programas especiais os días 20 e 27 de novembro, coa participación de especialistas en igualdade e atención ás vítimas.

⚙ Configurar cookies
0.070206165313721