Culleredo prepárase para unha xornada maxistral de xadrez da man de Mariano Ortega

ACoruñaXa
A cita celebrarase en Vila Melania, en Vilaboa, e contará coa presenza destacada deste Mestre Internacional
cull-xadrez-torneo
28 May 2025

O Concello de Culleredo será este sábado, 31 de maio, o escenario dunha intensa tarde dedicada ao xadrez da man do Club Escola Xadrez Culleredo. A cita celebrarase en Vila Melania, en Vilaboa, e contará coa presenza destacada do Mestre Internacional Mariano Ortega Amarelle, recoñecido tamén como FIDE Trainer e actual adestrador do equipo olímpico de Cabo Verde.

A partir das 17.00 horas, todas as persoas asistentes, independentemente da idade ou nivel de coñecemento, poderán gozar dunha completa programación que combina divulgación e espectáculo. Ortega ofrecerá unha charla na que explorará as conexións entre o xadrez, as matemáticas e a educación, nun enfoque didáctico que busca poñer en valor os beneficios desta disciplina no desenvolvemento cognitivo.

Ademais da conferencia, o mestre protagonizará dúas actividades de alto interese: unha exhibición de partida ás cegas, na que xogará sen ver o taboleiro, e unha rolda de partidas simultáneas dirixidas aos nenos e nenas presentes. Trátase dunha oportunidade única para os pequenos talentos locais de enfrontarse cunha figura de proxección internacional.

A entrada será totalmente libre e non será preciso inscrición previa, facilitando así a participación dun público amplo. A xornada está pensada como unha festa do xadrez, con vocación de achegar este deporte mental á veciñanza e sementar paixón polo seu estudo e práctica.

Esta actividade servirá tamén como antesala da segunda edición do torneo ‘Xadrez Amodiño’, que terá lugar os días 7 e 8 de xuño no Centro Social, Cultural e Recreativo de Rutis, consolidando a Culleredo como un referente na promoción do xadrez na comarca.

⚙ Configurar cookies
0.17843890190125