Culleredo prepara a sétima Nocturna do Xalo, coa carreira de montaña e andaina nocturna no Monte Xalo

ACoruñaXa
A proba, organizada por Castelo Deporte co apoio do Concello, celebrarase o 22 de novembro ás 19.00 horas e mantén abertas as inscricións ata o 18 de novembro ou ata completar prazas
CULLEREDO andaina Xalo
26 Oct 2025

O Concello de Culleredo acollerá o vindeiro 22 de novembro, a partir das 19.00 horas, a sétima edición da Nocturna do Xalo, unha cita xa consolidada no calendario deportivo local que combina carreiras de montaña e sendeirismo nocturno. O evento está organizado pola asociación Castelo Deporte, en colaboración co Concello de Culleredo e coa Comunidade de Montes de Castelo.

A saída e a chegada estarán situadas no pavillón polideportivo de Castelo, en Folgueira, e o trazado discorrerá polos camiños e pistas do Monte Xalo na súa vertente cullerdense. A organización ofrece dúas distancias: unha carreira de montaña de 12 quilómetros e unha andaina nocturna de 8 quilómetros, pensada para quen queira participar cun ingrediente deportivo pero máis accesible.

As inscricións xa están dispoñibles a través da web de Emesports, cun prezo de 20 euros, e permanecerán abertas ata o 18 de novembro ou ata esgotar as prazas. O importe inclúe o cronometraxe para a carreira, avituallamentos durante o percorrido, unha camiseta conmemorativa, seguro de accidentes e cea na propia polideportiva de Castelo, mantendo así o formato habitual de deporte máis convivencia festiva.

A Nocturna do Xalo disporá de 150 prazas para a carreira e 300 para a andaina. Ademais, arredor dun cento de persoas voluntarias velarán pola seguridade e polo correcto desenvolvemento da proba durante toda a xornada.

⚙ Configurar cookies
0.074510097503662