Culleredo prepara a chegada dos Reis cunha cabalgata urbana e visitas aos centros sociais

ACoruñaXa
As Súas Maxestades percorrerán o municipio o 5 de xaneiro dende as 17.00 horas, con dúas recepcións (Vila Melania e Praza Europa) e paradas en sete locais sociais
CULLEREDO reis magos
31 Dec 2025

Culleredo xa ten listo o programa para recibir aos Reis Magos o luns 5 de xaneiro, cunha xornada pensada especialmente para o público infantil. O Concello organizará a tradicional cabalgata na zona urbana e tamén unha rolda de visitas polas instalacións sociais do municipio, onde os nenos e nenas poderán achegarse a trasladarlles as súas peticións ás Súas Maxestades de Oriente.

A comitiva real iniciará o percorrido ás 17.00 horas na avenida Juan Carlos I. Dende aí avanzará por Anxo Senra, Mosteiro de Carracedo, Praza de Galicia, Ribados, Hersa, Sanjurjo de Carricarte, Costa da Lonxa, avenida de Vilaboa, Sagrada Familia, Vila Melania, Electo Carballo, O Portádego, As Brañas, Fonteculler, Acea de Ama e Praza Europa.

Ao longo do traxecto están previstas dúas recepcións: a primeira, ao paso por Vila Melania, e a segunda xa ao remate, na Praza Europa.

Ademais da cabalgata, ese mesmo día haberá visitas aos centros sociais. A axenda comeza ás 17.00 horas en O Noso Lar, cunha festa de animación infantil dende as 16.30 horas. Continuará ás 17.45 en Orro, ás 18.10 en Ledoño, ás 18.45 en Sueiro, ás 19.20 en Sésamo, ás 20.00 en Castelo e ás 20.30 en Celas, onde tamén haberá animación dende as 18.30 horas.

O Concello completará a programación coas carpas de Nadal, que volverán instalarse na Praza Europa e en Vila Melania entre o 2 e o 5 de xaneiro, con xogos, inchables e obradoiros en horario de 17.00 a 20.00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.07889199256897