Culleredo pon en marcha un servizo de atención telefónica personalizada para trámites veciñais

O Concello de Culleredo vén de activar un novo canal de comunicación directa coa veciñanza: a Atención Telefónica Integral, un servizo que busca simplificar e axilizar a relación da cidadanía coa administración local. A través do número 981 677 777 e do correo atencion.cidada@culleredo.es, a veciñanza pode realizar consultas, suxerencias, solicitar información ou recibir asesoramento sobre trámites municipais sen necesidade de desprazarse.
O servizo funciona en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres e está atendido por persoal funcionario do propio Concello. Esta centralita permitirá canalizar de maneira máis eficiente as peticións veciñais, aliviando ao mesmo tempo a carga doutros departamentos como Urbanismo ou Medio Ambiente, que xestionan a diario un volume importante de solicitudes urxentes.
Esta iniciativa forma parte do Subprograma de Atención Cidadá incluído no Programa de Implantación da Administración Electrónica de Culleredo 2024-2027, e marca un novo paso no proceso de modernización da administración local, iniciado a comezos deste ano.
Xa se teñen posto en marcha medidas como a nova sede electrónica municipal e a reforma da Oficina de Atención Cidadá de O Burgo. Nos vindeiros meses prevese continuar con esta liña de mellora a través da renovación da páxina web municipal, a actualización dos equipos informáticos e a ampliación dos servizos presenciais nas dúas oficinas existentes.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, subliña o alcance desta medida: “Con este servizo damos un paso importante para achegar o Concello á cidadanía, axudándolles a realizar calquera trámite ou resolvendo as súas consultas dunha forma rápida, sinxela e sen desprazamentos”.