Culleredo pon en marcha o ‘Verán Movidiño’ para fomentar o exercicio ao aire libre entre adultos

O Concello de Culleredo retoma un ano máis o seu compromiso coa saúde física e mental da veciñanza a través do deporte ao aire libre coa posta en marcha dunha nova edición do programa ‘Verán Movidiño’. Trátase dunha iniciativa municipal pensada para promover a actividade física entre as persoas adultas do municipio, combinando exercicio, socialización e vida saudable nun entorno natural.
Desde o 2 de xullo ata o 26 de setembro, o programa desenvolverá sesións dirixidas por profesionais en diferentes localizacións do concello, tanto en zonas urbanas como rurais. Todas as actividades serán de acceso gratuíto e non será necesario realizar inscrición previa, xa que abonda con achegarse ao lugar escollido uns minutos antes do comezo da clase.
As sesións terán lugar os luns na praza das Brañas de Fonteculler, de 10.30 a 11.30 horas, e no parque da Torre de Celas, de 12.00 a 13.00 horas. Os mércores estarán centradas nas parroquias de Tarrío, no Centro Social O Noso Lar, de 10.30 a 11.30 horas, e de seguido en Sueiro, no Centro Social, de 12.00 a 13.00 horas. Para rematar a semana, os venres as actividades celebraranse no parque biosaludable de O Burgo, de 10.30 a 11.30 horas, e no parque de Vila Melania en Vilaboa, de 12.00 a 13.00 horas.
As sesións están deseñadas para xerar hábitos de movemento saudables, con exercicios aplicables á vida diaria, como estiramentos, técnicas de relaxación e aprendizaxe de distintas disciplinas deportivas. Ao mesmo tempo, búscase fomentar o encontro entre veciños e veciñas e promover espazos de benestar compartido.
As persoas interesadas poden obter máis información no Centro de Servizos Sociais de O Burgo, no número 981 654 570, en Vila Melania, no 981 650 077, ou a través do correo electrónico servizos.sociais@culleredo.es. Con esta proposta, Culleredo reafirma a súa aposta por un verán activo, inclusivo e saudable para toda a comunidade.