Culleredo pide manter a glorieta de Ledoño-Rumbo e consensúa unha declaración institucional

O Concello de Culleredo e a veciñanza das parroquias de Ledoño e Rumbo unen forzas para esixir á Xunta de Galicia a conservación da glorieta situada na AC-523, un punto clave na mobilidade e seguridade viaria da zona. A Plataforma veciñal constituída recentemente convocou unha xuntanza co Goberno local para tratar as súas demandas, nun acto ao que asistiron representantes de todos os grupos políticos municipais.
O alcalde, José Ramón Rioboo, e o concelleiro de Obras, Carlos Liñares, participaron no encontro co obxectivo de apoiar publicamente as peticións do colectivo cidadán. Durante a reunión, o rexedor explicou os pasos dados polo Concello para frear a decisión da Axencia Galega de Infraestruturas, que impuxo como condición para aprobar o Plan Especial do novo colexio British School a eliminación da glorieta actual e a construción dunha nova.
No escrito remitido á Xunta, o Concello defende a importancia desta infraestrutura como elemento fundamental para a mobilidade local e a seguridade viaria, xa que actúa como mecanismo de protección fronte ao tráfico intenso da vía autonómica. “Os nosos técnicos consideran que é viable manter a glorieta actual á vez que se crea unha nova”, sinalou Rioboo, quen cualificou as peticións da veciñanza como “absolutamente lóxicas e razoables”, confiando en que o Goberno galego “sexa receptivo”.
Segundo os datos técnicos municipais, a separación entre a glorieta actual e a prevista, duns 500 metros, permitiría —de acordo coa normativa vixente sobre estradas— reducir a velocidade ata os 60 km/h, e mesmo ata 40 km/h nos accesos, diminuíndo así o risco de accidentes. Ademais, o alcalde explicou que os promotores do novo colexio non presentan inconvenientes en adaptar o plan especial para compatibilizar ambas estruturas.
Neste contexto, a Plataforma propuxo a aprobación dunha declaración institucional que recolla as demandas cidadás, iniciativa que foi apoiada por todos os grupos e que será lida no pleno ordinario do vindeiro mércores 25 de xuño. O documento reclama non só a conservación da glorieta no cruzamento coa estrada de Rumbo, senón tamén a implantación dun paso seguro para peóns na AC-523, mediante paso elevado, semáforos con pulsador ou calquera outra medida eficaz.
“É urxente ofrecer unha solución para que os peóns atravesen sen riscos unha vía que atravesa unha parroquia”, concluíu Rioboo, subliñando o carácter prioritario desta reivindicación histórica.