Culleredo pide frear a retirada da rotonda de Ledoño e acusa á Xunta de actuar sen diálogo

O Concello de Culleredo vén de expresar a súa “profunda preocupación” ante a posible eliminación da rotonda situada na AC-523, á altura de Ledoño, no cruce coa estrada de Rumbo. A medida, impulsada pola Xunta de Galicia, conta co rexeitamento unánime da corporación municipal e do tecido veciñal.
O alcalde, José Ramón Rioboo, avanzou que volverá solicitar á Axencia Galega de Infraestruturas que modifique o seu informe e descarte a supresión da rotonda. “Isto é compatible coa mellora da seguridade na contorna, tal como apuntan todos os preceptos técnicos cos que conta o Concello”, asegurou o rexedor.
A través dun escrito enviado o pasado xoves, Rioboo reiterou a demanda dunha reunión urxente coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, un encontro comprometido pola delegada territorial no mes de xuño e que, segundo o goberno local, segue sen ser convocado nin explicado formalmente pola Xunta.
Desde o executivo municipal critican tamén a falta de transparencia arredor do proxecto. Na reunión celebrada en xullo pola plataforma veciñal, na que participaron todos os partidos políticos, o PP presentou unhas planimetrías dun pasadizo subterráneo que, segundo o Concello, non tiñan a validación nin do goberno local nin da Deputación.
Neste contexto, Rioboo acusa ao Partido Popular de “manter un dobre discurso”. “Asina comunicados a nivel local nos que afirma apoiar a rotonda, pero desde a Xunta promove a súa eliminación”, denunciou.
A información manexada polo Concello apunta a que a Axencia Galega de Infraestruturas podería ter dado instrucións para demoler a rotonda antes do 18 de agosto. O goberno local cualifica esta posibilidade como “un grave desprezo institucional” e un “incumprimento da vontade unánime da corporación”.
O executivo de Culleredo asegura que continuará defendendo os intereses veciñais e a seguridade viaria “con responsabilidade e por vías institucionais”, pero advirte que “se estas son as formas da Xunta, sen diálogo nin respecto institucional, o futuro da colaboración entre administracións queda seriamente danado”.
“Resulta sorprendente que unha administración autonómica quede supeditada aos intereses políticos do PP local, máis preocupado por facer campaña electoral para 2027 que por resolver os problemas reais da cidadanía”, conclúe o Concello.
Desde o goberno local esíxese á Xunta que paralice de inmediato a retirada da rotonda e que convoque a reunión prometida para abordar calquera actuación na AC-523 con “rigor técnico e político”.