Culleredo pide á Xunta revisar os accesos ao novo colexio British School en Ledoño

O Concello de Culleredo vén de solicitar formalmente á Xunta de Galicia unha revisión das condicións de acceso ao novo centro educativo British School, situado na parroquia de Ledoño. A petición céntrase nas actuacións previstas na estrada autonómica AC-523, segundo a resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 19 de setembro de 2022, que contempla a eliminación dunha glorieta estratéxica e a construción dunha nova para dar entrada ao colexio.
A través dun escrito remitido polo alcalde, José Ramón Rioboo, o Goberno local traslada a súa preocupación tras os contactos cos veciños e a análise técnica realizada polos servizos municipais. “A seguridade viaria debe ser unha prioridade, hai que ser sensibles ante a realidade que manifestan os veciños”, sinala o rexedor.
A glorieta afectada sitúase na intersección da AC-523 coa estrada provincial DP-3102, que conecta coa zona de Rumbo. Desde o Concello deféndese que esta infraestrutura cumpre dúas funcións clave: facilita a conexión da contorna e actúa como elemento reductor da velocidade do tráfico na vía principal.
Por iso, o executivo municipal solicita que a Xunta reconsidere a supresión da glorieta e, se fose necesario, se estude unha reconfiguración da mesma. A proposta municipal aposta por unha solución que homoxeneice esta rotonda coa nova prevista para o acceso ao centro educativo, buscando condicións máis seguras para a circulación.
O Concello subliña que a separación entre ambas glorietas, duns 500 metros, permitiría, segundo a normativa da Instrución de Estradas, establecer velocidades máximas de 60 km/h nese tramo, e reducila ata os 40 km/h nos accesos, o que contribuiría notablemente á diminución de riscos.
Outro dos puntos esixidos é o mantemento dos accesos rodados a todas as parcelas afectadas. O Goberno local recolleu a inquietude dos propietarios ante a posible perda de accesibilidade ás súas fincas, o que, advirten, podería ter impacto sobre o seu valor patrimonial.
Ademais, Rioboo aproveita para reiterar unha reivindicación histórica do municipio: a necesidade dun paso seguro para peóns na AC-523. “É urxente ofrecer unha solución para que os peóns atravesen sen riscos unha vía que atravesa unha parroquia”, defende o alcalde. Neste sentido, considera que a Xunta debería estudar diferentes opcións, como semáforos, pasos elevados ou outras alternativas viables.
“A administración autonómica, como titular da vía, non pode deixar á súa sorte a quen ten a necesidade de cruzala”, afirma con rotundidade.
Deste xeito, o Concello pide que se revisen as condicións impostas pola Axencia Galega de Infraestruturas, que se introduzan modificacións durante a execución das obras que respondan ás necesidades da veciñanza e que se adopten medidas concretas para garantir a seguridade viaria e o acceso ás propiedades.
Por último, o Goberno municipal lembra que hai un mes solicitou unha reunión coa Consellería de Infraestruturas para abordar este asunto, aínda sen resposta por parte do executivo galego.