Culleredo pide á Xunta de Galicia que manteña a rotonda da AC-523 en Ledoño

ACoruñaXa
O Concello e a veciñanza aseguran que a infraestrutura é clave para garantir a seguridade viaria
reunion-veciños-alcalde-culleredo
Reunión entre o alcalde de Culleredo e veciños do concello
16 May 2025

O goberno local de Culleredo solicitaralle á Xunta que manteña a rotonda da AC-523, que comunica Ledoño coa autovía A-6 e Cerceda, co fin de mellorar a seguridade peonil na contorna.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, reuniuse hoxe coa veciñanza afectada pola reforma do vial que dará acceso á parcela do novo colexio Coruña British International School e que prevé eliminar unha das rotondas do val, concretamente a que une Rumbo e Ledoño, conexión pola que moitos veciños transitan a pé poñendo en risco as súas vidas.

O alcalde coincide coa veciñanza en que “manter esa rotonda aumentaría a seguridade viaria, xa que reduciría a velocidade dos vehículos de mercadorías e turismos que circulan polo vial que une o Concello de Cerceda e a A-6 e aos que se suman os que acceden ao polígono industrial de Ledoño”.

Co obxectivo de aumentar a seguridade viaria neste trazado —prevendo as obras de acceso ao novo colexio— o alcalde solicitou unha reunión coa Consellería de Infraestruturas e deu orde aos técnicos municipais para estudar tecnicamente a proposta da veciñanza, que consistiría en manter esta rotonda e na creación de dous pasos peonís que garantan o cruce seguro da AC-523.

O alcalde insistiu en que os técnicos deben avaliar agora tanto técnica como xuridicamente estas peticións para trasladar certezas á administración autonómica. “Primeiro queremos saber se tecnicamente é viable manter esta rotonda, que cremos que achegará maior seguridade tras as obras na AC-523, e do mesmo xeito, coñecer se é viable a construción de dous pasos de peóns que eviten que a veciñanza cruce este vial á súa sorte”, apuntou o mandatario municipal.

O alcalde sostén tamén que é necesario un estudo por parte da Xunta sobre a creación de sendas seguras na contorna da estrada AC-523. “No proxecto de acceso ao novo colexio non se prevé a creación de sendas seguras e, tendo en conta que se trata da contorna dun centro escolar, o conveniente sería abordar esta necesidade”, sinalou.

Rioboo reclamará tamén melloras na AC-400, que atravesa Celas. Un sistema viario que precisa dunha renovación urxente debido ao evidente deterioro do pavimento e que está “esquecido pola administración autonómica”.

⚙ Configurar cookies
0.15036582946777