Culleredo pecha a formación teórica en horticultura ecolóxica para as persoas usuarias dos hortos urbanos

ACoruñaXa
Medio cento de veciños iniciará en xaneiro as prácticas no Botánico do Burgo e en Vila Melania, antes de recibir as parcelas ata 2029
CULLEREDO formacion huertos
14 Dec 2025

O Concello de Culleredo completou a formación teórica en horticultura ecolóxica dirixida ás persoas participantes no programa de hortos urbanos, un plan no que toman parte arredor de medio cento de veciños. As sesións desenvolvéronse no Centro Municipal de Emprego Pablo Picasso, onde se abordaron contidos prácticos e básicos para que o alumnado adquira as nocións necesarias para manexarse no cultivo e na xestión diaria dunha horta, desde o coñecemento do solo ata a planificación das tarefas segundo as épocas do ano.

Co remate desta fase, o programa continuará en xaneiro coa parte práctica, que se organizará en dous grupos. Un deles realizará os exercicios nos hortos situados no Botánico do Burgo e o outro nos de Vila Melania, co obxectivo de trasladar ao terreo os coñecementos aprendidos e familiarizarse co funcionamento real das parcelas. Das 50 persoas inscritas, aquelas que tamén resultaron adxudicatarias no sorteo recibirán os hortos para o seu aproveitamento unha vez finalice a formación, e poderán dispoñer deles ata 2029.

Actualmente, o Botánico conta con 27 hortos, dos cales dous están reservados para asociacións municipais, mentres que en Vila Melania o Concello puxo a disposición das persoas usuarias un total de 14 parcelas. Con esta iniciativa, o goberno local busca seguir promovendo a participación cidadá nunha agricultura respectuosa co medio ambiente e, ao mesmo tempo, ofrecer unha alternativa cultural e de lecer vinculada á idea de desenvolvemento sostible.

⚙ Configurar cookies
0.083570003509521