Culleredo organiza o III Campus de baloncesto de ‘Alberto Corbacho’

ACoruñaXa
O campus terá lugar do 1 ao 5 de xullo no que se reunirán ao redor da canastra a unha trintena de nenas e nenos de Culleredo
Imaxe da presentación do II Campus de baloncesto de ‘Alberto Corbacho'
31 May 2024

Este xoves presentouse en Culleredo a III edición do campus de baloncesto ‘Alberto Corbacho’, que se desenvolverá integramente en instalacións deportivas do municipio e que reunirá ao redor da canastra a unha trintena de nenas e nenas del.

O alcalde, José Ramón Rioboo; a primeira tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo; o presidente do CB Culleredo, Miguel Couselo, e o propio xogador, que milita actualmente nas filas do conxunto cullerdense e dá nome á actividade, Alberto Corbacho, acudiron ás pistas polideportivas do Paseo Marítimo do Burgo para presentar este programa deportivo.

Celebrarase do 1 ao 5 de xullo e o obxectivo prioritario é axudar ás e os deportistas para mellorar as súas habilidades neste deporte, acompañados de adestradores e adestradoras de primeiro nivel. Mais alá do baloncesto, exporanse actividades que sirvan como punto de encontro ás nenas e nenos participantes no campus, como os partidos no exterior (nas propias polideportivas do Paseo Marítimo) como unha saída ao Aquapark de Cerceda.

Para o venres 5 de xullo, a proposta irá máis aló, xa que levará a cabo unha xornada de categorías de iniciación, á que se vai a convidar a equipos de toda a provincia e da comunidade autónoma para seguir coa promoción do baloncesto en Culleredo. Serán 20 equipos os que participen, e poderán acudir tamén as familias. A xornada será de portas abertas, de 10:00 a 17:00 horas e entregaranse obsequios ao finalizar a mesma.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, quixo destacar “o que sexa o propio Alberto Corbacho, que foi xogador na elite masculina do baloncesto español e aínda en activo en Culleredo, quen impulse un programa destas características, xa que non hai figura que coñeza mellor todo este mundo”, sinalou, á vez que quixo agradecer “a implicación do club co deporte basee, cun traballo diario e, cónstame, que moi produtivo”.

A primeira tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo, subliñou “a total colaboración do Concello de Culleredo para levar a cabo este tipo de programas co deporte basee, xa que cremos que son tremendamente proveitosos tanto para as pequenas e pequenos como para as súas familias”.

O presidente do Club Baloncesto Culleredo, Miguel Couselo, agradeceu ao Concello de Culleredo “a disposición outorgada para que se poida celebrar esta cita, na que por terceiro ano reuniranse pequenas e pequenos de Culleredo, e na que non só coñecerán grandes deportistas, tamén o pasarán en grande”, afirmou.

Pola súa banda, Alberto Corbacho, impulsor do campus deportivo, convidou a “todas as persoas que así o desexen a pasar uns bos días en familia”, e deixou caer “que haberá sorpresas en canto ás persoas asistentes a esta cita, así que non perdades detalle”.

0.16134095191956