Culleredo ofrece 50 prazas para nenas e nenos figurantes na Cabalgata de Reis de 2026

ACoruñaXa
Poderán participar menores de entre 8 e 10 anos e as inscricións realizaranse a través da Sede electrónica até o 10 de decembro
CULLEREDO cabalgata
21 Nov 2025

O Concello de Culleredo vén de abrir a convocatoria para que a rapazada poida participar como figurante na Cabalgata de Reis de 2026. En total ofertaranse 50 prazas destinadas a nenas e nenos que, a data 1 de xaneiro de 2026, teñan entre 8 e 10 anos cumpridos. Terán prioridade aqueles menores que estean empadroados no municipio.

O prazo de inscrición iniciarase o luns 24 de novembro ás 9.00 horas e permanecerá aberto até o día 10 de decembro ás 00.00 horas. As solicitudes deberán presentarse unicamente a través da Sede electrónica do Concello de Culleredo, cubrindo o formulario dispoñible na páxina web municipal. No documento será preciso indicar a idade, a altura e a talla da nena ou do neno participante.

Se o número de peticións supera as prazas dispoñibles, realizarase un sorteo público o venres 19 de decembro ás 11.00 horas no Centro Municipal de Formación Pablo Picasso. A cada solicitude correctamente presentada asignaráselle un número, que será o que se utilice durante o sorteo para adxudicar as prazas. Unha vez rematado o proceso, o Concello comunicará ás familias seleccionadas a participación na cabalgata, xunto coa información necesaria para a recollida do vestiario. Tamén se elaborará unha lista de agarda para cubrir posibles renuncias ou novas necesidades de figurantes.

Para calquera aclaración ou consulta, as persoas interesadas poden dirixirse ao servizo de Dinamización Local a través do teléfono 981 66 42 04. As bases completas de participación poden consultarse na web municipal.

⚙ Configurar cookies
0.074105024337769