Culleredo mellorará a seguridade viaria na contorna do CEIP de Tarrío

O Goberno local de Culleredo xestionou coa Deputación da Coruña, titular da estrada DP-1705, a mellora da seguridade viaria no contorna do CEIP de Tarrío. Unha intervención integral, redactada polo Concello de Culleredo e executada pola Deputación. O proxecto, cun investimento superior aos 384.000 euros, busca ofrecer condicións axeitadas tanto ao alumnado do centro como á veciñanza da zona.
Na estrada DP-1705 é onde se sitúan o colexio e o polideportivo. O proxecto divídese en dúas fases: unha primeira intervención no entorno inmediato do centro educativo e unha segunda centrada na construción de novas beirarrúas.
Na primeira fase crearase un itinerario peonil accesible entre os puntos quilométricos 1,030 e 1,347. Instalaranse dous pasos de peóns elevados con iluminación específica e sinalización dinámica, ademais de establecer unha limitación de velocidade de 30 km/h. A nova beirarrúa será de formigón e contará cunha rede de recollida de augas pluviais, así como espazos axardinados con árbores. O orzamento desta actuación ascende a 134.117,33 euros.
A segunda fase abarcará desde o punto quilométrico 1,353 ata o 1,720, garantindo un espazo seguro para peóns desde a zona escolar ata o límite co concello de Cambre. Construiranse beirarrúas en ambos marxes da estrada, ampliarase a calzada e renovarase o firme. Esta segunda actuación contará cun orzamento de 249.905,48 euros.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destaca que os proxectos elaborados polo Concello xa están en mans da área de Vías e Obras da Deputación, que os executará en canto dispoña da asignación orzamentaria. "É esencial que as vías de comunicación da veciñanza conten coas máximas condicións de seguridade viaria", afirma o rexedor.
Por outra banda, Rioboo lamenta a falta de resposta da Xunta de Galicia ante a demanda veciñal para a construción de beirarrúas na AC-400, en Celas e Sésamo, unha petición reiterada polo Concello. "Mentres o PP de Culleredo trata de desviar a atención, a Deputación si amosa sensibilidade e coopera co Concello para resolver unha necesidade na estrada provincial", critica o alcalde. Finalmente, Rioboo agradece a "disposición" da Deputación da Coruña para colaborar neste proxecto, que suporá unha importante mellora na seguridade viaria do municipio.