Culleredo lanza 'Mañás de Campamento' para facilitar a conciliación no verán

ACoruñaXa
Unha proposta que busca dar resposta ás necesidades das familias durante os meses estivais
cull-conciliacion
22 Apr 2025

O Concello de Culleredo vén de anunciar a posta en marcha, un ano máis, do programa de conciliación familiar Mañás de Campamento, unha proposta que busca dar resposta ás necesidades das familias durante os meses estivais. O prazo para solicitar praza abre mañá, mércores 23 de abril, a partir das 9.00 horas, e deberá formalizarse a través dun formulario en liña dispoñible na web municipal.

A iniciativa está dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos que estean matriculados en Educación Infantil ou Primaria nalgún dos centros educativos do concello. O programa desenvolverase do 23 de xuño ao 29 de agosto, ofrecendo diversas opcións de duración (2, 3, 4 ou 5 semanas) e datas para adaptarse mellor ás necesidades das familias.

Os campamentos urbanos celebraranse nos CEIP Vila de Rutis, CEIP Sofía Casanova e CEIP Isaac Díaz Pardo, segundo a idade dos participantes e o formato escollido. As actividades terán lugar en horario de 9.00 a 14.00 horas, con servizo complementario de almorzo desde as 7:30 horas e opción de comedor ata as 16.00 horas.

A programación inclúe xogos ao aire libre —sempre que o tempo o permita—, actividades de convivencia, obradoiros participativos e dinámicos adaptados a cada tramo de idade. Ciencia, historia, música, artes plásticas e natureza serán algunhas das temáticas protagonistas.

O prazo de solicitudes rematará o venres 2 de maio. A lista provisional de persoas admitidas publicarase o mércores 7 de maio. Desde esa mesma data ata o 12 de maio abrirase o período de reclamacións. O sorteo de prazas terá lugar o 15 de maio e a lista definitiva será publicada o día 20. A matrícula formal poderá realizarse desde ese momento e ata o 2 de xuño, habilitándose tamén un prazo extraordinario os días 9 e 10 de xuño.

A primeira tenente de alcalde e concelleira de Participación Cidadá e Deportes, Cristina Pardo, salienta que “durante o verán estes programas brindan un apoio importante ás familias, sendo un recurso moi valioso nos meses sen clases, ao tempo que ofrecen aos nenos e nenas a oportunidade de medrar en comunidade, descubrir novas habilidades e vivir experiencias inesquecibles a través dunha gran variedade de actividades”.

 

⚙ Configurar cookies
0.15542888641357