Culleredo investirá case 140.000 euros na renovación da iluminación en Mansosol, na Zapateira

O Concello de Culleredo dará un novo impulso á modernización do alumeado público co relevo integral do sistema en Mansosol, na zona da Zapateira. A actuación céntrase nas áreas residenciais que manteñen tecnoloxías máis antigas, co obxectivo de reducir o consumo, mellorar as condicións de visibilidade e diminuír o impacto ambiental.
A intervención abranguerá as rúas Liberdade, Democracia, Fraternidade e Igualdade, onde se colocarán 66 puntos de luz con luminarias LED. O proxecto inclúe tamén a renovación do centro de mando —situado na rúa Liberdade— e a substitución dos báculos, co fin de optimizar a instalación e alongar a súa vida útil.
O investimento ascende a 139.046,47 euros, unha cifra cofinanciada pola Deputación da Coruña mediante o Plan Único. O Concello vén de adxudicar os traballos, polo que o inicio das obras será inminente. Ademais, a nova rede contará cun sistema de telexestión, que permitirá o control en tempo real e a programación de parámetros segundo a época do ano e as necesidades de cada tramo.
O alcalde, José Ramón Rioboo, subliña que “as investicións nos servizos do rural serán continuadas, atendendo ás demandas reais da veciñanza de cada parroquia”, e enmarca esta actuación na folla de ruta municipal para acadar un alumeado máis eficiente, seguro e sostible.