Culleredo insta á Xunta a executar unha actuación completa no centro de saúde de Acea de Ama

O Concello de Culleredo traslada que presentou á Xunta de Galicia no ano 2017 un proxecto para o acondicionamento e pavimentación do entorno do centro de saúde de Acea de Ama. A actuación, cun orzamento de 209.137,82 euros, tiña como obxectivo mellorar as condicións de acceso a un equipamento sanitario utilizado a diario por centos de persoas.
O Goberno local indica que apostou desde o primeiro momento por unha intervención integral e comprometeuse a asumir a parcela unha vez realizada a obra, pero a Xunta desbotou a proposta. Agora, oito anos despois, executou unha actuación menor cun resultado insatisfactorio.
O proxecto elaborado en 2017 incluía a pavimentación da calzada e do aparcadoiro, a substitución das lousas deterioradas nas beirarrúas, a construción dunha nova beirarrúa entre Ribados e Tierno Galván, a adaptación de desniveis, a reforma do alumeado, a dotación de máis zonas axardinadas e a mellora da rede de pluviais.
Ante esta situación, o Concello de Culleredo reitera a súa disposición a recibir a parcela unha vez estea acondicionada de forma adecuada, tal e como estipulaba o proxecto inicial. Por iso, insta á Xunta a "rectificar e executar unha actuación completa que realmente se axuste ás necesidades da veciñanza e dos usuarios do centro de saúde".
Críticas á tardanza e ao resultado da actuación
O Goberno local indica que xa en 2017 intentou acometer directamente as obras, pero os informes xurídicos foron desfavorables ao tratarse dun terreo de propiedade autonómica. "Non se entende que, sendo coñecedores do estado do centro, tardasen tantos anos en promover unha obra e que, aínda por riba, sexa incompleta e deficiente", lamentan desde o executivo municipal.
Ademais, o Goberno municipal pide unha rectificación pública ao PP de Culleredo, que onte asegurou, con faltas de respecto incluídas, que non existía ningún proxecto para o centro de saúde de Acea de Ama. "É unha mentira flagrante que pode comprobar calquera", recalcan.
Finalmente, o Concello cualifica de "inadmisible" que a portavoz do PP de Culleredo trate de obter rédito político a base de "bulos" sobre unha obra mal executada pola Xunta, en lugar de defender os intereses do municipio.